Ana Ermida, alcaldesa de Barreiros, reclama apoio para a instalación dunha carpa

AMariñaXa
O Concello de Barreiros investirá nas instalacións deportivas municipais, neste caso na renovación da cuberta do pavillón municipal
carpa praza concello barreiros
28 sep 2023

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida vén de dirixir un escrito ao delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, para solicitarlle a colaboración da Administración que representa nun evento de interese que se celebrará en Barreiros na ponte do vindeiro 12 de outubro, mediante a instalación dunha carpa na Praza do Concello.

A alcaldesa explica que “desde o Concello de Barreiros temos previsto levar a cabo varias xornadas con eventos diversos dirixido ao público en xeral, que se desenvolverán na Praza do Concello, para o que se precisará da instalación dunha carpa que albergue a infraestrutura necesaria para tal fin.”

“Tendo coñecemento de que outros Concellos veciños contan cun mecanismo de colaboración da Xunta de Galicia para sufragar este tipo de infraestruturas, tanto para uso propio como de terceiras entidades, gustaríanos contar con esa mesma colaboración para este evento municipal”, continúa.

A rexedora barreirense manifesta no seu escrito que tamén “temos interese en coñecer o procedemento que debemos seguir ao efecto, tanto para necesidades municipais como de outras entidades que, neste momento obteñen axuda da Xunta de Galicia por mediación de Concellos veciños, entendendo a oportunidade de que poidamos atender dita tramitación desde o propio Concello e non saturar outras entidades locais con actos que non lle son propios e/ou de interese.”

Ana Ermida conclúe amosando a total disposición para realizar as xestións que se indiquen para que o Concello de Barreiros poida ser beneficiario das axudas para a instalación de carpas en eventos que a Xunta de Galicia presta.

0.11166906356812