Alumnado do IES Monte Castelo participa en Romanía nun intercambio europeo do programa Erasmus+

Cinco alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato do IES Monte Castelo están a vivir estes días unha experiencia educativa internacional en Romanía grazas á súa participación nun intercambio do programa Erasmus+, unha iniciativa que conta coa colaboración do Concello de Cervo e que promove a mobilidade estudantil e o intercambio cultural entre países europeos.
Martín, Alexia, Yaiza, Sabela e Erín atópanse na cidade de Oradea, na rexión de Transilvania, onde comparten actividades e experiencias con estudantes doutros países. Durante a súa estadía tiveron a oportunidade de coñecer diferentes lugares de interese cultural e histórico, entre eles a Salina de Turda, un dos espazos máis emblemáticos do país.
O proxecto no que participan busca fomentar competencias consideradas clave para o desenvolvemento integral da mocidade. Entre os seus obxectivos figuran o impulso da cidadanía activa, a promoción dos valores democráticos, a sensibilización cara á sostibilidade ambiental e cultural, así como o reforzo das capacidades lingüísticas e das habilidades sociais.
Ademais das actividades desenvolvidas en Romanía, os estudantes tamén realizaron unha visita a Budapest e teñen previsto completar a súa viaxe cun desprazamento a Roma. Este percorrido permítelles achegarse a distintas realidades europeas, coñecer novos contextos culturais e fortalecer a súa autonomía persoal ao tempo que establecen relacións con mozos e mozas doutros países.
Desde o Concello de Cervo destacan a relevancia deste tipo de iniciativas para favorecer unha formación máis completa e internacional da mocidade. Segundo sinalan, programas como Erasmus+ contribúen a mellorar o coñecemento de idiomas, amplían as oportunidades de aprendizaxe e fomentan valores como a cooperación, a inclusión e o respecto pola diversidade cultural.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, trasladou os seus parabéns ao alumnado participante e animouno a aproveitar ao máximo esta experiencia. A rexedora destacou que este tipo de intercambios representan unha oportunidade única para adquirir novos coñecementos, descubrir outras culturas e desenvolver habilidades que resultarán útiles tanto na súa formación académica como na súa futura traxectoria profesional e persoal.
O Concello reafirma así o seu compromiso co apoio a programas educativos e de mobilidade internacional que contribúen a ampliar horizontes entre a mocidade cervense e a fortalecer a dimensión europea da educación. Ademais, considera que estas experiencias permiten aos participantes actuar como embaixadores do municipio fóra das súas fronteiras, levando o nome de Cervo a diferentes puntos de Europa.