Alumnado do colexio Martínez Otero visita o Centro de Día de Foz
O Centro de Día de Foz recibiu unha visita moi especial, o alumnado de 1º e 2º de Primaria do colexio Martínez Otero. Recoñecen desde a entidade educativa que camiñaron ata alí con moita ilusión para compartir un anaquiño cheo de emoción cos maiores. “Durante a visita, os nenos non só aprenderon sobre as historias e experiencias de vida dos avós, senón que tamén encheron o lugar de risas e alegría. Foi un encontro interxeracional para intercambiar cariño e sabedoría e que deixou pegada en todos os presentes. Agradecemos ao Centro de Día recibirnos cos brazos abertos unha vez máis”, afirman desde o colexio.
Así, tamén o alumnado de Educación Infantil ao completo puido acudir á Escola de Hostelaría de Foz. Alí, agardábaos o profesor e chef Suso Liste, quen os guiou polas instalacións e lles foi explicando os pormenores do seu oficio. Ademais, unha vez rematada a visita, os pícaros puideron desfrutar dun pequeno aperitivo elaborado polo alumnado da Escola de Hostelaría.
Esta actividade, como moitas outras, enmárcase dentro do proxecto ‘O/a cociñeiro/a’ e agradecen o trato e o tempo recibido nunha experiencia de gran aprendizaxe.
Así, os días 19 e 20 de decembro terán a ‘Velada de Nadal’ e esta semana contribuíron coa campaña de Cáritas parroquial nun nadal solidario. E ata o día 20 de 9.00 horas a 19.00 horas poderase visitar o Belén colexial.