Alumnado de Burela participan este curso en talleres de sensibilización e prevención da violencia de xénero

AMariñaXa
Alumnado dos centros educativos de Burela participan este curso en dous talleres de sensibilización e prevención da violencia de xénero
actividade burela Igualdade
actividade burela Igualdade
24 Feb 2023

A Concellería de Muller e Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres do Concello de Burela puxeron en marcha novas accións formativas no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Alumnado dos centros educativos de Burela participan durante este curso en dous talleres de sensibilización e prevención da violencia de xénero: Ben querer. Taller de educación afectivo sexual e Desconectarse da violencia: previndo a violencia no novo contexto dixital”.

O taller Ben querer. Taller de educación afectivo sexual levouse a cabo no primeiro trimestre do curso co alumnado de 1º da ESO dos centros educativos e tivo por obxectivo fomentar as relacións sexo-afectivas igualitarias. Durante as sesións fomentouse o recoñecemento e respecto dos límites persoais propios e alleos e proporcionóuselle ao alumnado os recursos necesarios para manter relacións afectivo-sexuais saudables, sen riscos, e libres de violencias e comportamentos sexistas.

Neste mes de febreiro, estase a impartir o taller Desconectarse da violencia: previndo a violencia no novo contexto dixital, co alumnado de 6º de educación primaria e de 1º da ESO. Trátase dun taller destinado a traballar o impacto das novas tecnoloxías no desenvolvemento de agresións machistas e de relacións de violencia de xénero entre a rapazada. Durante o desenvolvemento deste taller ponse o énfase na identificación de agresións sexistas na rede e de actitudes de control e dominio nas relacións sexo-afectivas. Continuarase con este taller tamén no mes de marzo.

O Concello de Burela, a través da súa Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información ás Mulleres, continúa co firme convencemento de que o sistema educativo é o recurso de socialización con maior viabilidade para materializar e garantir unha educación inclusiva e equitativa e libre de violencias.

0.15176200866699