Alfredo Navarro, ADC Alboi: “Pedimos ao Concello que continúe apoiando ás entidades”

AMariñaXa
O grupo ribadense Kornucopia ten os seus inicios durante o 2021 e son Un grupo de amigos con ganas de compartir as súas inquedanzas
ADC Alboi ALfredo presidente
16 Mar 2024

Por Ana Somoza López.

Alfredo Navarro é o presidente da Asociación Deportiva e Cultural Alboi.

Cando e como nace a ADC Alboi?

Pois Alboi nace a partir dun grupo de amigos que nos dedicábamos a camiñar polos montes de Viveiro, en concreto pola zona de Penedo do Galo case todos os días do ano, e entre tanto quilómetro e tanta conversa xurdiu esta idea.

Por que ou con que motivación xorde?

As motivacións son a dinamización da nosa contorna e dos seus veciños a través de actividades deportivas, lúdicas e tamén culturais.

Que obxectivos ten?

Moi en liña co anterior, dar a coñecer aos propios veciños novos espazos naturais a través das actividades que facemos, non todo o mundo se “atreve” a subir ao Penedo ou a Silvarosa solos, e con este tipo de actividades promovemos a nosa contorna natural. Pero como asociación queriamos ir un pouco mais aló e non limitarnos só actividades na natureza.

Quen a conforma?

Conformámola un grupo de amigos que tiñamos como nexo ir a camiñar polo monte case todos os días do ano. Curiosamente vimos doutros ámbitos deportivos, como o fútbol, baloncesto, ciclismo, etc.

Onde teñen a base?

A base é Viveiro e a súa contorna, xa que o primeiro non se entende sen o segundo. Basicamente as nosas actividades serían por esta zona. Aínda que non pechamos a porta dun futuro e facelas fóra deste ámbito xeográfico.

“Damos a coñecer aos propios veciños novos espazos naturais a través das actividades que facemos, coas cales non todo o mundo se atreve”

Este ano fixeron o primeiro trial e andaina, que supuxo?

Pois supuxo sobre todo unha gran gratificación que houbera tan boa resposta, o cal anima a seguir traballando e motiva para facer outras actividades. De feito queremos agradecer ás entidades privadas e empresas a súa colaboración e apoio e forma totalmente altruísta. Tamén á xente de Aspanane que nos fixo os trofeos e a serigrafía das mochilas. Por outra parte e moi importante, aos voluntarios, que nos axudaron e sobre todo aos corredores e participantes que confiaron en nós.

Colaboran con outras asociacións e colectivos?

Si, máis ben colaboraron eles con nós. Neste caso foron o CD Egovarros, CC Viveiro, Peña Lar Trail e o Clube Rugby Asterix de Viveiro, pois axudáronnos moito, non só fisicamente senón aconsellándonos.

Que iniciativas propoñen?

Este ano temos programadas tres actividades máis se todo transcorre de forma adecuada. Unha travesía a nado da ría de Viveiro, un 3X3 de fútbol para os máis pequenos, e o noso Trail do Penedo do Galo coa súa andaina polo mes de setembro.

Participades en moitos torneos ou competicións?

Nos a día de hoxe non somos un club deportivo, non temos fichas federadas nin deportistas adscritos, nos nacemos para organizar eventos, xa que, polo menos a día de hoxe consideramos que xa hai clubs que xa satisfán esas demandas dos deportistas.

Fan actividades ao longo do ano?

A idea é esa, ir facendo actividades durante todo o anos, como as que explicamos antes, todo dependerá de como responda a xente ás mesmas, se hai boa recepción ou aceptación, xa que colaboración de ideas para facer eventos hai moitas.

Teñen apoio institucional ou dalgunha entidade?

Si, tivemos a colaboración do Concello de Viveiro a través de Eleazar José Rodríguez o concelleiro de deportes.

Que lle piden ao Goberno local?

Pois non só para nós, senón para todas as asociacións de Viveiro, que nos continúen apoiando xa que somos entidades sen ánimo de lucro que, na nosa opinión, facemos un labor moi importante para toda a veciñanza de Viveiro.

Que accións futuras teñen en mente poñer en marcha?

Ideas temos moitas, antes de concretalas gustaríanos ver se hai aceptación das que están programadas e a partir de aí ir traballando para materializalas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17992401123047