Alfoz volverá á Idade Media coa XXVI edición do Mercado de Castrodouro os días 17 e 18 de xullo

A vila de Alfoz prepárase para viaxar no tempo coa celebración da XXVI edición do Mercado Medieval de Castrodouro, que terá lugar a noite do venres 17 e durante o sábado 18 de xullo. Unha proposta xa consolidada no calendario estival da comarca que transforma a contorna da Torre Fortaleza nun escenario inspirado na época do Mariscal Pardo de Cela.
Durante estas dúas xornadas, o recinto converterase nun espazo vivo no que veciñanza e visitantes poderán gozar dunha recreación histórica con postos de artesanía, ambientación temática e actividades que evocan oficios e costumes do pasado. O obxectivo é ofrecer unha experiencia inmersiva nun dos enclaves patrimoniais máis singulares da zona.
O Concello de Alfoz mantén aberto o chamamento a artesáns e vendedores interesados en participar co seu propio posto no mercado. As persoas que desexen sumarse poden contactar co consistorio no teléfono 982 558 001 para organizar a súa presenza no evento.
O Mercado Medieval de Castrodouro busca así reforzar o atractivo turístico e cultural do municipio, recuperando a figura e a lenda do Mariscal Pardo de Cela e convertendo a súa fortaleza nun punto de encontro entre historia e lecer.