Alfoz: Ruta da Pena Abaladoira

AMariñaXa
O camiño, que comeza no Castro de Ouro, permite achegarse á natureza, á historia e ao patrimonio da vila
alfoz-pena-Abaladoira
9 Nov 2024

A Ruta da Pena Abaladoira ofrece historia, arte e natureza por partes iguais, permitindo aos camiñantes gozar da riqueza artístico-cultural da vila e dunha paisaxe dominadada polas parroquias, as terras de labor ou os muros de pedra. Constitúe a mostra perfecta da sincronía entre os alfoceses e a natureza. O percorrido comeza no Castro de Ouro, verdadeiro emblema do concello de Alfoz, que tivo a súa orixe nun asentamento castrexo. Desta construción, só se conserva as estruturas exteriores da torre homenaxe da primitiva fortaleza, xa que ao redor do século IX unha familia da meseta, apoiada pola monarquía asturiana, funda o mosteiro familiar no século XI baixo o poder da diocese de San Martiño de Mondoñedo que o fortifica.

A ruta tamén pasa polo Pazo de Carrocide, xoia da enxeñería civil do barroco galego local que data de decembro de 1686 e conserva dous portalóns de entrada en forma de arco de medio punto, e tamén polo Pazo de Rizal, marabilloso exemplo da arquitectura local adaptada ao medio natural. Data do XVIII e está composto por un único núcleo central de planta rectangular, con dúas plantas, realizada en boa cantería. Na fachada principal presenta unha fermosa balconada de ferro forxado.

O conxunto complétase pola parte posterior dun muro de perfecta cantería sobre o que repousan catro escudos de armas e tamén hai un portalón adintelado co escudo de armas da familia e inscrición relativa á súa liñaxe: Vega, Varela, Partierra e Marrube. Leva ao viaxeiro por dous paraxes naturais como son a serra do Xistral e a Fervenza do Escouridal, para terminar nunha xoia megalítica como é a Pedra Abaladoira. O destino final deste é esta máxica pena, empregada desde tempos inmemoriais con fins máxicos e relixiosos, ligados á fertilidade, e tamén para decidir a culpabilidade dos acusados nos xuízos.

Trátase dun gran óvalo granítico que funciona como exemplo do que é a pedra de abalar, aquelas que, situadas en equilibrio, podíanse mover a través dun certo impulso. En xeral, é un camiño que convida a percorrer a práctica totalidade da extensión municipal de Alfoz. Todo o percorrido, agás o tramo de acceso da estrada á Pena, discorre por estradas asfaltadas.

alfoz-castro-de-ouro
0.16066884994507