Alfoz reúne a centos de persoas nunha nova edición do Día da Veciñanza

AMariñaXa
A xornada congregou arredor de 400 asistentes nun ambiente de convivencia, música e homenaxe ao exalcalde Jorge Val
alfoz-dia-da-veciñanza-2026-3
11 May 2026

O municipio de Alfoz viviu este domingo unha intensa xornada festiva coa celebración do III Día da Veciñanza, unha cita que conseguiu reunir arredor de 400 persoas procedentes das distintas parroquias nun encontro marcado pola convivencia e o espírito comunitario.

A programación arrancou cunha sesión vermú amenizada polo Dúo The Poker, que puxo música a unha mañá de ambiente animado e participación veciñal. Posteriormente celebrouse unha comida popular na que os asistentes puideron compartir mesa cun menú composto por empanada, embutidos, croquetas, xamón cocido, tenreira asada e sobremesa.

A festa continuou durante a tarde coa actuación musical do mesmo dúo, mantendo o ambiente festivo ao longo de toda a xornada. Ademais, realizáronse distintos sorteos de agasallos cedidos polas asociacións colaboradoras, unha das actividades que espertou maior expectación entre os participantes.

O evento foi organizado pola Asociación O Castelo coa colaboración das diferentes asociacións parroquiais e do Concello de Alfoz, nunha iniciativa que busca reforzar os lazos entre a veciñanza e fomentar espazos de encontro entre persoas de distintas xeracións.

Durante a celebración tamén houbo un momento especial de lembranza para Jorge Val, exalcalde de Alfoz falecido hai case un ano. As entidades organizadoras quixeron recoñecer publicamente a colaboración e o apoio que sempre mantivo co tecido asociativo do municipio, nun xesto moi emotivo para moitas das persoas asistentes.

As asociacións e colectivos implicados agradeceron a elevada participación e destacaron a boa resposta da veciñanza, consolidando esta cita como unha das actividades sociais máis destacadas do calendario local.

alfoz dia da veciñanza 2026-1
0.10833311080933