Alfoz reclama melloras na LU-160, novas sendas peonís e actuacións en centros educativos

O Concello traslada á Xunta unha batería de necesidades que inclúe a renovación de estradas e beirarrúas, a continuidade da senda Reirado-Valadouro e intervencións na Pontenova e nas escolas
casa-do-concello-de-alfoz
18 Aug 2026

O Concello de Alfoz trasladou á Xunta de Galicia unha serie de actuacións que considera prioritarias para mellorar as infraestruturas viarias, os espazos públicos e as instalacións educativas do municipio. As propostas foron abordadas nunha reunión entre a alcaldesa, Efigenia Maseda, membros do goberno local e o delegado territorial da Administración autonómica en Lugo, Alfonso Villares.

Unha das principais demandas céntrase na estrada LU-160, onde o Concello advirte do deterioro do firme en diferentes puntos. Entre eles destaca a contorna da Seara, especialmente o cruzamento empregado a diario para acceder ao centro de saúde, ao colexio, aos establecementos comerciais e ás dependencias municipais, polo que soporta unha importante intensidade de tráfico.

O goberno local tamén solicita intervencións na mesma estrada á altura da área da Pontenova. Neste punto detectáronse deficiencias tanto na calzada como no acceso e no aparcadoiro de titularidade autonómica. O Concello considera necesario acondicionar o espazo debido á elevada presenza de vehículos e peóns.

Sendas, beirarrúas e actuacións na Pontenova

Entre as propostas figura igualmente a continuación da senda peonil Reirado-Valadouro, unha actuación que recibiu o respaldo unánime do Parlamento de Galicia en 2024. A esta petición súmase a humanización e modernización do tramo comprendido entre Vilaúde e A Seara, onde se reclama renovar as beirarrúas e acometer a separación das augas pluviais.

As necesidades expostas afectan tamén á área recreativa da Pontenova. O Concello solicita o arranxo do parque debido ao estado actual das instalacións, así como labores de limpeza na propia Pontenova, unha construción que data do século XVIII.

O ámbito educativo completa a relación de actuacións consideradas prioritarias. O goberno municipal propón substituír as ventás de varias escolas unitarias das parroquias, rehabilitar as antigas vivendas dos mestres da escola unitaria de Mor e renovar tamén as ventás do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro.

Maseda valorou positivamente a reunión e destacou a importancia de manter unha cooperación permanente entre administracións para sacar adiante proxectos que superan as competencias ou os recursos municipais. Desde o Concello confían en que o diálogo permita avanzar na procura de solucións e concretar novos investimentos que atendan as necesidades trasladadas para Alfoz.

0.12454795837402