Alfoz programa para este mes charlas e obradoiros dirixidos á terceira idade

AMariñaXa
O Concello de Alfoz programa unha charla o 19 de maio e un obradoiro de musicoterapia o 27. Están dirixidas á terceira idade.
pezas puzzle memoria taller maiores
4 Maio 2022

Continuando coas actividades programadas dende a Concellaría de Servizos Sociais de Alfoz para as persoas maiores, que o pasado 22 de abril acudiron ao obradoiro Exercicio e ocio saudable na terceira idade, está previsto que as persoas participantes no Programa ActivaMENTE asistan este mes de maio a dúas novas actividades.

A primeira será a Charla sobre prevención e mellora da seguridade das persoas maiores, que terá lugar o 19 de maio ás 10.30 horas e nela abordaranse cuestións como os roubos, estafas, formas de maltrato, riscos no uso de internet e as novas tecnoloxías, etc. Encádrase no marco do Plan Maior de Seguridade da Secretaría do Estado de Seguridade e realízase en colaboración coa Dirección Xeral da Garda Civil.

A segunda será un Obradoiro de musicoterapia, previsto para o 27 de maio ás 16.30 horas, a través do cal se pretende facilitar o benestar físico e emocional das persoas asistentes a través da música, animándoas a usar distintos instrumentos musicais para favorecer a súa creatividade e imaxinación e durante o cal se recuperarán cancións populares adecuadas ao grupo. Realízase en colaboración coa Escola Galega de Saúde.

0.20559501647949