Alfoz programa actividades durante novembro para visibilizar a loita contra a violencia machista

A programación inclúe unha charla sobre violencia sexual para o alumnado de Secundaria e un encontro coa escritora Iria Collazo arredor da identidade feminina e a invisibilidade das mulleres
casa-do-concello-de-alfoz
12 Nov 2026

O Concello de Alfoz desenvolverá durante este mes unha programación especial con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que nesta edición se presenta baixo o lema "Por todas, con todos. Nin invisibles, nin silenciadas". A iniciativa pretende implicar a diferentes sectores da poboación e reforzar a concienciación sobre a igualdade, a prevención das agresións machistas e a necesidade de erradicar calquera forma de violencia contra as mulleres.

Entre as accións previstas figura a iluminación en cor violeta da Casa do Concello ao longo de todo novembro, como símbolo do compromiso institucional con esta causa. Ademais, distribuiranse toallas deportivas conmemorativas do 25N entre o alumnado do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro, o persoal municipal e as persoas que participan nas actividades deportivas organizadas polo Concello.

A xornada central terá lugar o mércores 25 de novembro, cando o instituto acollerá a charla "Sementes de cambio: erradicando a violencia sexual", unha actividade de sensibilización e prevención dirixida ao alumnado de Educación Secundaria. O encontro abordará a importancia de construír relacións sustentadas no respecto, na igualdade e no consentimento.

A programación continuará o sábado 28 de novembro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Alfoz, cunha charla-coloquio coa escritora Iria Collazo, gañadora do Premio de Novela Manuel García Barros 2026. O encontro estará centrado na súa obra 'A muller de mentira' e permitirá abordar cuestións como a identidade feminina, os vínculos afectivos e a invisibilidade das mulleres.

A alcaldesa, Efigenia Maseda, destacou a intención de que a mensaxe do 25N chegue a todas as xeracións, desde a infancia ata a idade adulta. A rexedora lembrou que ningunha muller debe sentirse soa, invisible ou silenciada e incidiu en que avanzar cara a unha sociedade igualitaria require a implicación colectiva.

Maseda tamén puxo o foco no papel das administracións públicas na educación, na prevención e na sensibilización, ao considerar que a igualdade debe formar parte da vida cotiá e non limitarse a unha conmemoración puntual.

Desde o Concello animan a veciñanza a sumarse ás propostas organizadas e a manter o compromiso colectivo coa eliminación da violencia contra as mulleres. A campaña está promovida polo goberno local coa colaboración da Xunta de Galicia e do Goberno de España, a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

0.19672918319702