Alfoz prepárase para a II Andaina e Xantar do Trece

O lugar do Trece, na parroquia de Carballido, será o escenario o sábado 16 de maio da II Andaina e Xantar Popular do Trece, organizada pola Asociación de Veciños San Sebastián de Carballido coa colaboración do Concello de Alfoz. O evento busca combinar natureza, tradición e convivencia nunha xornada aberta a todas as idades.
A programación dará comezo ás 10:30 horas coa saída da andaina, un percorrido de dificultade baixa que parte e remata no propio lugar do Trece. Está pensada para todos os públicos e permitirá descubrir a contorna natural da zona nunha atmosfera distendida e participativa.
Ao rematar a ruta, ás 14:00 horas terá lugar a sesión vermú, animada pola música de Carrete Mix. A continuación, ás 15:00 horas, celebrarase o xantar popular nun recinto cuberto con carpa, no que os asistentes poderán degustar un menú completo con entrantes, lacón de porco celta asado en forno de leña, sobremesa, café e chupito, así como pan, viño e auga.
A tarde continuará con lecer e música a partir das 16:30 horas, coa sesión de Carrete Mix e un karaoke aberto a todas as persoas presentes. A xornada pecharase cun fin de festa a cargo dun DJ.
Os prezos do xantar son de 20 euros para maiores de 10 anos, 10 euros para nenos e nenas de 5 a 9 anos, e gratuíto para menores de 4 anos. A organización lembra que é necesario adquirir o ticket con antelación a través de membros da directiva, xa que o aforo é limitado. As entradas poderán retirarse ata o 11 de maio.
Non é preciso participar na andaina para asistir ao xantar, permitindo así que todas aquelas persoas que desexen sumarse só á parte gastronómica e festiva poidan facelo sen inconvenientes.