Alfoz pon en marcha un programa de actividades deportivas para adultos dende outubro

AMariñaXa
O Concello ofrece dende outubro unha ampla proposta para fomentar hábitos saudables e o benestar da veciñanza
casa-do-concello-de-Alfoz
13 Sep 2025

O Concello de Alfoz vén de anunciar a posta en marcha, a partir de outubro de 2025, dun completo programa de actividades deportivas dirixidas á poboación adulta. A iniciativa, que recupera unha proposta xa consolidada no municipio, ten como obxectivo impulsar estilos de vida saudables, mellorar a condición física e favorecer o benestar emocional da cidadanía a través dunha oferta adaptada a distintos intereses e necesidades.

O calendario inclúe ximnasia de mantemento os martes e xoves, de 18:30 a 19:30 horas, no Pavillón Municipal; sesións de ioga os luns e mércores, de 19:30 a 20:30 horas, na Escola de nenos de Adelán; clases de aerobic tamén no Pavillón Municipal, os martes e xoves, de 19:30 a 20:30 horas; e pilates os luns de 18:30 a 19:30 horas e mércores de 20:30 a 21:30 horas, igualmente en Adelán, cunha opción flexible que permite asistir un ou dous días por semana.

O prazo de inscrición permanecerá aberto entre o 15 e o 22 de setembro, podendo formalizarse a través da sede electrónica do Concello de Alfoz ou na oficina de rexistro municipal. As prazas son limitadas, polo que se recomenda ás persoas interesadas reservar canto antes o seu posto.

Desde a administración local animan á veciñanza a sumarse a esta programación que, ademais de promover a práctica deportiva regular, procura xerar espazos de encontro, socialización e convivencia a través do exercicio físico.

⚙ Configurar cookies
0.15676593780518