Alfoz podería cambiar de nome a Alfoz do Castrodouro tras revisión toponímica

AMariñaXa
A proposta da Xunta de Galicia inclúe modificacións en parroquias e lugares para recuperar formas históricas e normalizar topónimos
fotografia-alfoz
30 Jan 2026

O Concello de Alfoz recibiu recentemente a comunicación oficial da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia sobre as modificacións propostas no Nomenclátor de Toponimia, resultado dunha revisión do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega e da Comisión de Toponimia.

Segundo o documento remitido, a medida máis destacada sería o cambio do nome oficial do municipio, que pasaría a chamarse Alfoz do Castrodouro. Tamén se recolle a adaptación do nome da parroquia de O Castro de Ouro, que se transformaría en O Castrodouro. Ademais, a revisión afecta a numerosos lugares da vila, propondo correccións e adaptacións lingüísticas que buscan recuperar as formas históricas e etimolóxicas correctas, así como axustar ou incorporar artigos nos topónimos.

Entre os cambios salientables figuran transformacións como Clavos por Cravos, Corbite por Corvite, Enxameado por Enxameao, Agueira por Agüeira ou Gavián por Gabián, xunto á normalización de nomes como A Solbeira, A Costoira, O Lavanco, A Ponte do Vao, O Vao ou Viñavella. Tamén se eliminan formas antigas como A Rúa de Escourido, que pasaría a denominarse simplemente Escourido, e incorpóranse oficialmente lugares como Meixide, Faián de Arriba ou Pesquita de Arriba.

A alcaldesa, Efigenia Maseda, valorou a proposta sinalando que “hai cambios que son lóxicos e xustos, pois responden á recuperación da forma tradicional e correcta dos nomes, algo fundamental para protexer o noso patrimonio lingüístico”. Engadiu que, no relativo ao nome oficial do concello, “trátase dunha cuestión de identidade colectiva, polo que debería ser a veciñanza quen decidise”.

A rexedora explicou que esta postura xa foi trasladada ao secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez, nunha reunión en Lugo con membros da Comisión de Toponimia, onde se presentou a proposta de modificacións.

Desde o goberno municipal destacan que o proceso debe desenvolverse con información e participación cidadá, garantindo que as decisións finais combinen rigor técnico e respeto pola opinión da poboación. O Concello comprométese a manter informada á veciñanza sobre os próximos pasos ata a aprobación definitiva do Consello da Xunta de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.090169906616211