Alfoz mobiliza máis de 292.000 euros para melloras en patrimonio, servizos e camiños rurais

AMariñaXa
O Concello presenta o Plan de Cooperación da Deputación e tramita novas axudas para emprego e infraestruturas no rural
casa-do-concello-de-Alfoz
27 Feb 2026

O Concello de Alfoz deu conta da presentación, a comezos de febreiro, do Plan de Cooperación cos Concellos da Deputación de Lugo, un programa que permitirá mobilizar un total de 292.048,97 euros no municipio, sumando a achega provincial e a contribución municipal, que ascende a 13.368,90 euros.

Entre as actuacións previstas inclúense intervencións de conservación no Castelo de Castrodouro, concretamente a restauración e pintado das ventás, así como melloras na escola de Adelán. O plan tamén contempla a adquisición de robots cortacéspede para optimizar o mantemento de espazos públicos e a reparación e acondicionamento de pistas nas parroquias de Adelán, Bacoi, Lagoa, Pereiro e Mor.

Paralelamente, o goberno local solicitou unha subvención á Xunta de Galicia no marco do programa Galicia Suma Talento Rural Activo, destinada á contratación de persoas desempregadas. A proposta inclúe a incorporación de dous operarios de obras e un coordinador, co obxectivo de ofrecer experiencia profesional no ámbito rural e reforzar os servizos municipais.

Ademais, o Concello está a traballar na tramitación dunha nova axuda con cargo aos fondos Feader para a mellora de camiños municipais que dan acceso ás entidades de poboación da Rega, O Vilar, Rolle, Correlos e O Barral, co propósito de mellorar a conectividade e a seguridade viaria no rural.

0.11547088623047