Alfoz mellora instalacións municipais para fomentar o benestar e a práctica deportiva

AMariñaXa
O Concello actúa na escola de Adelán e no pavillón municipal para ofrecer espazos máis confortables e ampliar a oferta de actividades
alfoz-melloras-aula-pilates-e-pavillon
4 Feb 2026

O Concello de Alfoz vén de executar novos traballos de mellora e acondicionamento en distintas instalacións municipais co propósito de garantir espazos máis cómodos, seguros e axeitados para o uso diario da veciñanza. As actuacións céntranse tanto na mellora do confort interior como na ampliación das posibilidades deportivas dentro do propio municipio.

Unha das intervencións realizouse na aula da escola da parroquia de Adelán, onde se procedeu á colocación de novas pezas de illamento, completando as xa existentes. Esta actuación resulta fundamental para o correcto desenvolvemento das actividades de ioga e pilates que se levan a cabo neste espazo, xa que permite mellorar as condicións térmicas e de confort durante a súa práctica.

Por outra banda, o pavillón municipal conta xa cunha nova rede de tenis, unha mellora pensada para dar resposta á demanda existente entre a poboación. Segundo se indicou desde o Concello, eran varios os veciños e veciñas que se desprazaban a outros concellos para practicar esta modalidade deportiva, polo que agora poderán facelo sen saír de Alfoz, aproveitando as instalacións municipais.

Desde o goberno local destacan que estas actuacións forman parte dunha liña de traballo continuada orientada a ofrecer unha programación deportiva diversa e instalacións en bo estado. O obxectivo final é facilitar que a veciñanza poida manter hábitos de vida activos e saudables, contando con recursos próximos e de calidade dentro do propio concello.

⚙ Configurar cookies
0.078611135482788