Alfoz mellora a ruta Pena Abaladoira–Fervenza de Escouridal con nova sinalización e contidos dixitais

A actuación, financiada con 14.985 euros da Xunta, incorpora novos paneis, sinalización e códigos QR para divulgar os valores naturais do Pereiro
RUTA-PENA-ABALADOIRA–FERVENZA-DE-ESCOURIDAL-Alfoz
8 Oct 2026

O Concello de Alfoz vén de completar as actuacións de mellora e accesibilidade da ruta Pena Abaladoira–Fervenza de Escouridal, na parroquia do Pereiro, cunha intervención orientada a reforzar a conservación e a posta en valor deste recurso natural e turístico do municipio.

Os traballos contaron cunha subvención de 14.985 euros concedida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, no marco da convocatoria destinada á conservación, recuperación e posta en valor do patrimonio natural e cultural nos espazos protexidos de Galicia.

Entre as actuacións realizadas figura a actualización dos paneis interpretativos xa existentes. Os novos contidos achegan información sobre aspectos como a paisaxe, a biodiversidade, a xeomorfoloxía e o patrimonio natural da zona. Ademais, instaláronse novos paneis informativos e renovouse a sinalización mediante frechas direccionais para facilitar a orientación das persoas visitantes ao longo da ruta.

A intervención incorpora tamén recursos dixitais, códigos QR e contidos multimedia, que permiten ampliar a información dispoñible e favorecer o coñecemento dos valores naturais da contorna da Serra do Xistral e da Rede Natura 2000.

A alcaldesa de Alfoz e responsable da área de Turismo, Efigenia Maseda, destacou que a actuación permite "seguir mellorando os recursos turísticos das nosas parroquias" e poñer en valor "unha contorna natural excepcional do Pereiro". Segundo sinalou, o obxectivo é que as persoas que se acheguen a Pena Abaladoira e á Fervenza de Escouridal dispoñan "dunha ruta mellor sinalizada, con máis información" para coñecer e valorar o patrimonio da zona.

Maseda subliñou tamén que "investir no noso patrimonio natural é tamén investir nas parroquias e nas posibilidades que ofrece Alfoz como destino de turismo de natureza", sempre desde o respecto e a conservación da contorna.

O proxecto está financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia, no marco do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

Con esta intervención, o Concello de Alfoz continúa coa mellora dos recursos turísticos das súas parroquias e coa promoción do patrimonio natural, apostando por un modelo de turismo sostible ligado á natureza e á posta en valor da paisaxe.

0.15034604072571