Alfoz e O Valadouro despiden o curso das escolas deportivas cunha xornada de festa e convivencia

Os Concellos de Alfoz e O Valadouro puxeron o broche final ao curso das Escolas Deportivas Municipais cunha xornada marcada pola unión, a participación familiar e o espírito deportivo. O acto de clausura conxunto, celebrado este sábado, tivo como escenarios o Campo Municipal de Alfoz e máis o do Valadouro, consolidando a cooperación entre ambas administracións locais.
A mañá arrincou con partidos amigables onde o xogo e a complicidade foron os verdadeiros protagonistas. Pais e nais medíronse con pequenos e maiores en encontros cheos de humor: papás contra xuvenís, mamás contra pequenos e incluso combinados mixtos que espertaron sorrisos nas bancadas. Unha maneira lúdica de reforzar o vínculo interxeracional arredor do deporte.
Ás 13:00 horas tivo lugar o acto institucional no que participaron a alcaldesa de Alfoz, Efigenia Maseda, o alcalde do Valadouro, José Manuel Lamela, así como os responsables de Deportes de ambos municipios: Eliseo Lorenzo e Ana Rubal. Durante as súas intervencións, agradeceron a implicación das familias e puxeron en valor o impacto positivo da actividade física desde a infancia. Os nenos e nenas participantes recibiron os seus diplomas, recoñecemento ao esforzo e á constancia durante todo o curso.
Tras a entrega de diplomas, a celebración trasladouse ao Campo Municipal do Valadouro, onde a Asociación Deportiva Río Ouro organizou unha comida de confraternidade que reuniu a familias, monitores e representantes municipais. Os máis pequenos gozaron de xogos e propostas recreativas nun ambiente distendido e festivo.
Ambos concellos agradeceron a colaboración de todas as persoas implicadas e confirmaron que xa están a traballar na planificación das Escolas Deportivas para o vindeiro curso, con novos obxectivos e propostas pensadas para continuar promovendo hábitos saudables, educación en valores e integración social a través do deporte.