Alfoz destina 7.150 euros a axudas para actividades culturais, educativas e deportivas

O Concello reserva 4.000 euros para iniciativas culturais, 1.400 para propostas educativas e formativas e 1.750 para o ámbito deportivo
casa-do-concello-de-alfoz
25 Nov 2026

O Concello de Alfoz abriu tres convocatorias de subvencións destinadas a apoiar a organización de actividades culturais, educativas e formativas e deportivas durante o exercicio 2026. As axudas suman un total de 7.150 euros e concederanse mediante un procedemento de concorrencia competitiva, no que se valorarán tanto as características das entidades solicitantes como o alcance e a repercusión das iniciativas propostas.

A partida máis elevada corresponde ao ámbito cultural, cunha dotación de 4.000 euros. Estas achegas están dirixidas ás asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, con sede social en Alfoz e capacidade para desenvolver as actividades subvencionables. O obxectivo é contribuír a programas e propostas abertas ao público que complementen a programación dos servizos municipais.

Para as iniciativas educativas e formativas, o Concello dispón de 1.400 euros. Poderán optar a estas axudas os centros educativos públicos do municipio, as asociacións de nais e pais e as entidades municipais vinculadas ao sector primario, sempre que cumpran os requisitos establecidos nas bases.

A terceira liña está centrada na promoción do deporte e conta cun orzamento de 1.750 euros. Poderán solicitala entidades e asociacións sen ánimo de lucro, tanto públicas como privadas, que estean inscritas no rexistro municipal e teñan entre os seus fins o fomento da actividade deportiva. Tamén se inclúen os centros educativos de Alfoz: a Escola Infantil, o CEIP Castro de Ouro e o IES Alfoz-Valadouro. As axudas poderán cubrir gastos de organización de eventos, participación en competicións oficiais, desprazamentos e adquisición de material deportivo, entre outros conceptos. Quedan excluídas as actividades xustificadas polo Club Deportivo Alfoz, a Asociación Deportiva Río Ouro e a Asociación Deportiva de Pesca Amigos do Ouro, ao contar con subvención nominativa.

As tres convocatorias comparten un prazo de presentación de 15 días naturais, contados desde o día seguinte á publicación no Boletín Oficial da Provincia e na Base de Datos Nacional de Subvencións. As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados dispoñibles nas oficinas municipais e na sede electrónica do Concello, acompañadas dunha memoria explicativa da actividade, declaracións responsables e xustificantes da entidade e da persoa representante, entre outra documentación.

A valoración terá en conta aspectos como o número de socios ou participantes, a antigüidade das asociacións, a repercusión social das propostas e o seu impacto no desenvolvemento municipal. No caso das actividades culturais tamén se considerarán a súa contribución á conservación das tradicións locais, a promoción turística e a programación dirixida á mocidade e ás persoas maiores. Para as deportivas valorarase, ademais, o nivel competitivo dos equipos ou deportistas.

As bases establecen que as entidades deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como ter xustificadas as subvencións municipais recibidas anteriormente, agás que conten cunha prórroga. O prazo previsto para resolver e notificar as concesións é dun mes. Tamén se contempla a posibilidade de recibir pagamentos anticipados de ata o 80 % da axuda concedida.

As convocatorias publicáronse no Boletín Oficial da Provincia de Lugo número 269, correspondente ao 23 de novembro de 2026. Polo tanto, o último día para presentar as solicitudes será o 8 de decembro, inclusive.

0.10989713668823