Alfoz despide o ano 2018 cun balance positivo no turismo
A Área de Cultura e Turismo de Alfoz fai un balance positivo da actividade turística no concello durante o ano 2018, no cal o Castelo do Castro de Ouro rexistrou máis de 9.300 visitas, mantendo así unha actividade turística similar a do ano anterior. Durante as xornadas ordinarias de apertura da oficina de turismo rexistráronse 7014 visitas, ás que se suman as máis de 2300 visitas rexistradas durante a xornada do sábado do XX Mercado Medieval.
Os visitantes que se achegaron a Alfoz durante este ano 2018 proceden principalmente de Galicia, Madrid, Castela e León e Asturias. Cabendo destacar tamén a afluencia de andaluces, cataláns e vascos. En canto aos visitantes internacionais, recibíronse visitas principalmente dende Alemaña, Arxentina, Bélxica, EEUU, Francia, Holanda, Irlanda, Italia, Portugal e Reino Unido
Durante o período de Nadal o Castelo do Castro de Ouro permanecerá aberto mércores 2, xoves 3 e venres 4 de 11 a 14 horas e o sábado 5 de 11 a 14 e de 16 a 19 horas. Durante o resto do ano, o Castelo do Castro de Ouro poderá visitarse sábados, domingos e festivos de 11 a 14 e de 16 a 19 horas. En Semana Santa e durante os meses de xuño a setembro os días de apertura serán de martes a domingo.