Alfoz celebrará con foguetes a recuperación do topónimo histórico Castrodouro

A veciñanza do Alfoz do Castrodouro celebrará este domingo 19, ás 12 do mediodía, a recuperación do topónimo tradicional cun acto festivo cargado de simbolismo. Desde o alto da histórica vila de Castrodouro, ao pé do castelo, lanzaranse tres foguetes, un por cada palabra que compón o nome restaurado.
A iniciativa busca expresar a satisfacción colectiva pola restitución dun topónimo que, segundo destacan, fora alterado durante décadas. A situación quedou corrixida o pasado 30 de marzo, cando o Consello da Xunta aprobou oficialmente a revisión toponímica elaborada pola Real Academia Galega, devolvendo así plena validez á denominación tradicional.
Con este xesto, alfoceses e alfocesas queren facer visible o seu orgullo de pertenza a un territorio profundamente ligado á historia medieval galega. Ademais do lanzamento dos foguetes, a celebración incluirá a proclamación conxunta das tres palabras do topónimo, nun acto que pretende reforzar a identidade colectiva e a memoria histórica da localidade.
A conmemoración terá tamén un carácter simbólico a nivel municipal, xa que desde as nove parroquias de Alfoz se evocará a recuperación do nome mediante estes estalos festivos, que servirán para dar voz a unha reivindicación compartida pola veciñanza.