Alfoz acometerá a reforma integral do pavillón grazas ao apoio económico da Deputación

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello de Alfoz formalizaron o convenio que permitirá financiar a renovación integral da cuberta do pavillón municipal, unha actuación na que a institución provincial investirá 143.000 euros. O acordo quedou refrendado durante a visita ao municipio do vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e do deputado de Mocidade, Daniel García, que estiveron acompañados pola alcaldesa, Efigenia Maseda, e polo concelleiro de Deportes, Eliseo Lorenzo.
Ao longo do percorrido pola instalación, os representantes provinciais puideron comprobar o estado actual do pavillón e coñecer ao detalle a actuación prevista polo goberno local, centrada na substitución completa da cuberta para dar solución definitiva ás pingueiras e ás filtracións que se producen nos días de choiva.
Durante o encontro puxeron en valor a relevancia desta infraestrutura, que non só acolle a programación deportiva municipal —incluídas as actividades das escolas deportivas—, senón que tamén funciona como espazo esencial para as clases de educación física e para os recreos a cuberto do CEIP Plurilingüe Castro de Ouro. Ademais, o pavillón serve de escenario para eventos culturais, sociais e lúdicos organizados polo Concello e polas asociacións veciñais.
Efrén Castro e Daniel García destacaron “o compromiso da Vicepresidencia da Deputación con un proxecto que representa moito máis ca unha obra nunha instalación deportiva”, sinalando que o pavillón “actúa como un punto de encontro para a veciñanza e forma parte da vida cotiá do alumnado do municipio”.
O proxecto redactado polo Concello de Alfoz contempla a retirada da antiga cuberta de placas de aceiro e a súa substitución por unha envolvente moderna de panel sándwich, máis eficiente e duradeira. A intervención tamén incluirá a renovación dos canlóns, baixantes e elementos translúcidos afectados, co obxectivo de garantir unha impermeabilización completa e mellorar as condicións do recinto.