Alfoz acollerá unha tarde de teatro, emoción e homenaxe á lingua galega coa obra “Viravolta”

A Casa da Cultura de Alfoz converterase o vindeiro 23 de maio nun punto de encontro para a cultura, a emoción e a celebración da lingua galega cunha programación pensada para o público familiar e interxeracional.
A xornada dará comezo ás 19.30 horas coa entrega de premios do Concurso das Letras Galegas 2026, un acto no que tamén se recoñecerá a participación de todas as crianzas asistentes mediante a entrega dun diploma e dun pequeno agasallo.
Tras o acto desenvolverase a representación de Viravolta, unha proposta escénica de Raquel Crespo que combina teatro físico e narrativo para construír unha historia marcada pola emigración, os vínculos familiares e a esperanza.
A obra sitúa ao público na mirada dunha nena que abandona a súa terra xunto á súa familia, iniciando unha viaxe cargada de despedidas, recordos e ilusións. A través dun relato emotivo, pero tamén cheo de humor e retranca, o espectáculo reflexiona sobre os cambios da vida e sobre a pegada que deixan as raíces e a memoria colectiva.
Desde a organización destacan que a iniciativa busca crear “un encontro arredor da creatividade, da nosa lingua e das historias que forman parte da identidade de varias xeracións”.
Viravolta está dirixida tanto á infancia como ao público adulto, nun formato pensado para compartir en familia e para achegar ás novas xeracións temas como a emigración e a importancia das lembranzas desde unha perspectiva próxima e sensible.