Alfoz acolle a terceira xornada de limpeza para retirar residuos do río

Alfoz acollerá o vindeiro sábado 3 de outubro a III Xornada de Limpeza, unha iniciativa de carácter ambiental que busca reunir voluntarios para colaborar na retirada de residuos e contribuír á conservación do río e da súa contorna.
A actividade comezará ás 9.00 horas no Bar Casa Pereiras, en Alfoz, punto establecido para reunir ás persoas participantes antes de iniciar os traballos. A convocatoria chega á súa terceira edición baixo o lema "O río é de todos. Coidémolo", co que se pretende incidir na responsabilidade compartida á hora de preservar os espazos naturais.
A xornada está organizada pola Sociedade de Pesca Amigos do Ouro, xunto cos concellos do Valadouro e Alfoz, e conta coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático do Goberno autonómico.
A proposta busca dedicar unha mañá á recollida dos desperdicios que se atopan no río e na súa contorna, pero tamén fomentar a participación e a concienciación ambiental. "Porque cada residuo que retiramos é un paso máis cara a un río máis limpo" é outra das mensaxes coas que os organizadores animan á cidadanía a sumarse.
A iniciativa pretende así dar continuidade ao traballo desenvolvido nas anteriores edicións e favorecer a implicación directa da poboación na protección dun espazo natural estreitamente vinculado aos municipios de Alfoz e O Valadouro.
Desde a organización convidan a colaborar nesta terceira convocatoria, concibida non só como unha acción puntual de limpeza, senón tamén como unha oportunidade para sensibilizar sobre a importancia de evitar o abandono de residuos e conservar en boas condicións os ecosistemas fluviais.
⇒REPORTAXE