Aira chega a Sargadelos cun espazo de creatividade, artesanía e actividades en familia

AMariñaXa
O novo proxecto ocupará o local número 1 e ofrecerá obradoiros, contacontos, produtos feitos a man e actividades para bebés, infancia e persoas adultas
Cervo-Aira,-centro-de-emprendemento
2 Sep 2026

O Centro de Emprendemento de Cervo, situado no Conxunto Histórico-Artístico de Sargadelos, suma unha nova iniciativa coa chegada de Aira, un proxecto de carácter creativo, artesanal e familiar que pretende converterse nun espazo para aprender, crear e compartir experiencias.

A iniciativa estará impulsada por Tatiana Fraga Fernández, que este mércores asinou coa alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, a cesión de uso do local número 1 das instalacións municipais.

Aira nace coa intención de cubrir a falta de lugares na comarca especialmente pensados para que familias, nenos e nenas e persoas adultas poidan participar conxuntamente en propostas creativas e culturais. Para iso, programará ao longo do ano talleres temáticos, actividades familiares, contacontos e obradoiros destinados tanto a grupos como a celebracións privadas.

A oferta completarase con servizos de decoración personalizada e coa elaboración de produtos artesanais propios. Entre eles figurarán piñatas personalizadas, xoguetes, detalles e diferentes elementos decorativos feitos a man.

O espazo estará dividido en dúas áreas. Unha delas funcionará como taller para desenvolver as actividades creativas e artesanais, mentres que a segunda estará dedicada á exposición e venda. Nesta última poderán adquirirse tanto creacións de Aira como pezas realizadas por outros artesáns locais e colaboradores. O obxectivo é favorecer tamén unha rede de cooperación vinculada á artesanía e ao territorio.

Unha parte importante do proxecto estará orientada ás primeiras etapas da crianza, con propostas específicas para bebés, infancia e familias e actividades adaptadas ás distintas idades e necesidades. A iniciativa busca ademais fomentar a inclusión e a participación comunitaria dentro dun espazo seguro e acolledor.

A alcaldesa destacou que a chegada de Aira "supón unha nova oportunidade para seguir dando vida ao Centro de Emprendemento de Sargadelos e para apoiar ás persoas que deciden apostar por desenvolver aquí os seus proxectos".

Dolores García Caramés incidiu na intención do Concello de converter estas instalacións "nun verdadeiro motor de emprendemento, actividade económica e dinamización social e cultural" e considerou que proxectos deste tipo demostran o potencial de Sargadelos para acoller novas iniciativas creativas e innovadoras.

A rexedora puxo tamén en valor a vinculación de Aira coas familias, a infancia e a artesanía, aspectos que, ao seu xuízo, encaixan coa identidade de Sargadelos e permiten achegarse ao patrimonio desde unha perspectiva contemporánea.

O proxecto combinará tradición artesanal, educación, creatividade e comunidade, aproveitando a singularidade do complexo de Sargadelos. Entre os seus principios estarán tamén a promoción dos produtos feitos a man, o consumo responsable e o emprego de materiais sostibles e de proximidade.

Coa incorporación de Aira, o Centro de Emprendemento de Cervo continúa ampliando o número e a diversidade de proxectos empresariais que desenvolven a súa actividade nun enclave marcado polo seu valor histórico, cultural e turístico.

0.15175104141235