Aínda está aberto o prazo para solicitar praza de campamento ou voluntariado na Campaña de Verán 2019
Ainda está aberto o prazo para inscribirse na Campaña de Verán 2019, que baixo a lenda 'O verán que queres vivir' pon á disposición da mocidade 9834 prazas. A proposta de actividades para os meses de xullo, agosto e setembro inclúe campamentos, programas de intercambios con outras comunidades autónomas, actividades concertadas, actividades para maiores de 18 anos e campos de voluntariado.
O Diario Oficial de Galicia publicou, coincidindo coa presentación da campaña, a orde que rexe a solicitude de praza para os campamentos en Galicia e noutras comunidades. Neste caso o prazo estará aberto ata o vindeiro 7 de maio, incluído. Pola súa banda, a convocatoria para inscribirse nos campos de voluntariado pecharase o 10 de maio en primeira convocatoria. Toda a información estará dispoñible na páxina web de Xuventude.
Poderán participar as mozas e mozos a partir dos 9 anos e ata os 30. Todos os campamentos están abertos a persoas con discapacidade, e ademais este colectivo ten unha convocatoria específica para persoas de entre 11 e 40 anos. Así mesmo, hai 100 prazas reservadas para menores de idade que están baixo o sistema de protección da Xunta e outras 52 para fillas e fillos de mulleres vítimas de violencia de xénero.
Esta nova campaña de verán incorpora tres campamentos: Aldea Perdida na Granxa Zoo de Grixalba, en Sobrado dos Monxes; outro sobre astronomía no albergue de San Xoán de Río, en Ourense; e un novo campamento tecnolóxico nas instalacións xuvenís de Gandarío titulado Adestrando o meu robot.
Accións de voluntariado
Tamén se incrementa o número de campos de voluntariado, os que se coñecían ata este ano como campos de traballo, ata os 30 e con cinco propostas novas: A terra que habita no mar, no concello do Grove; outro de protección e recuperación das dunas de Corrubedo, en Ribeira; un terceiro de temática ambiental en Manzaneda; un campo en Ourense denominado Riós, una mar de castiñeiros; e por último, o primeiro campo de voluntariado intermunicipal que leva por nome Vía Xacobea: vía da prata e que se celebrará en Boqueixón e Vedra.