AGAFI reforza a súa presenza na Mariña cunha nova delegación en Barreiros

A Asociación Galega de Fibromialxia (AGAFI) reforza a súa presenza na provincia de Lugo coa creación dunha delegación na Mariña, que estará encabezada por Olivia Canoura Rozas, escritora, artista plástica e paciente de fibromialxia. A nova etapa do colectivo na comarca presentarase publicamente o 17 de setembro, ás 20.00 horas, no Edificio das Antigas Escolas de San Cosme de Barreiros.
Canoura Rozas asumirá a responsabilidade de achegar á comarca o labor dunha entidade que traballa desde o ano 2000 na información, defensa e acompañamento das persoas afectadas por fibromialxia, dor e fatiga crónica.
"Asumir esta delegación supón un reto ilusionante, pero sobre todo unha necesidade urxente para que ningunha persoa afectada pola enfermidade na Mariña se sinta soa e incomprendida fronte á dor crónica. Queremos ser unha ponte útil entre afectados, as súas familias e o sistema sociosanitario", explica a nova delegada.
CHARLA SOBRE A FIBROMIALXIA
A presentación en Barreiros estará acompañada pola charla ‘Que é a fibromialxia e o seu tratamento?’, impartida por Lucía Moreda, terapeuta ocupacional con formación en afrontamento activo da dor, insomnio e hábitos e rutinas saudables.
Durante a sesión abordarase a fibromialxia desde unha perspectiva actual, integradora e biopsicosocial, co obxectivo de favorecer unha maior comprensión desta realidade e proporcionar ferramentas útiles tanto ás persoas afectadas como ás súas familias e contorna próxima.
AGAFI lembra que arredor da fibromialxia aínda persisten desinformación e estigmas sociais, polo que considera especialmente importante contar con redes de apoio emocional, acompañamento e asesoramento. A asociación dispón ademais de convenios con despachos especializados para ofrecer aos seus socios orientación e defensa xurídica en cuestións relacionadas coas incapacidades laborais e os dereitos vinculados á discapacidade.
Á presentación están convidadas as persoas afectadas e as súas familias, profesionais sanitarios, representantes municipais e calquera persoa interesada en coñecer esta realidade. Ao remate abrirase unha quenda de preguntas e un espazo para resolver dúbidas e informar sobre a posibilidade de incorporarse a AGAFI.
As persoas interesadas en recibir asesoramento, asociarse ou colaborar como voluntarias poden contactar coa entidade a través do teléfono ou WhatsApp 650 26 17 38 ou do correo electrónico asociaciongalegadefibromialxia@gmail.com.