Adxudícanse seis vivendas de promoción pública na Mariña e amplíanse as medidas de acceso á vivenda

Foron adxudicadas seis vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro en distintos municipios da Mariña lucense, nunha actuación que xa se está a materializar coa entrega de chaves a varias das persoas beneficiarias. O delegado territorial en Lugo, Javier Arias, participou no acto no que tres adxudicatarios recibiron as súas vivendas en Mondoñedo, Ribadeo e Lourenzá, mentres que nas próximas xornadas está previsto que se ocupen outras tres en Viveiro.
Arias lembrou que o acceso a este tipo de inmobles pode solicitarse ao longo de todo o ano a través do Rexistro Único de Demandantes de Vivenda, o que permite manter aberto o proceso de inscrición de forma continuada. Segundo explicou, estase a traballar tamén na ampliación do perfil de persoas que poden acceder a estas vivendas, coa finalidade de facilitar o acceso á mocidade.
Entre as novidades previstas, incrementarase o límite de ingresos esixido para optar ás adxudicacións e introduciranse cambios nas reservas de vivenda. No caso das destinadas á venda, reservarase un 30% para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos, mentres que se mantén o 25% para menores de 36 anos nas novas promocións de venda e o 40% nas vivendas de alugueiro.