Adxudicada por 3,4 millóns de euros a xestión das plantas de biorresiduos de Verín, Cervo e Vilanova de Arousa

GaliciaXa | AMariñaXa
O contrato terá unha duración de tres anos e inclúe a operación, mantemento e limpeza das instalacións, así como a distribución e comercialización do compost obtido
planta-biorresiduos-cervo
13 Aug 2026

A Xunta de Galicia, a través de Sogama, adxudicou por 3.436.684 euros, IVE incluído, o servizo de xestión integral das plantas de biorresiduos de Cervo, Verín e Vilanova de Arousa, situadas respectivamente nas provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.

O contrato terá unha duración de tres anos e comprende a operación, mantemento e limpeza destas instalacións, ademais da distribución e comercialización do compost obtido a partir do tratamento da materia orgánica procedente dos contedores marróns de recollida selectiva dos concellos.

As tres plantas reúnen todas as fases necesarias para transformar os residuos orgánicos en compost. O proceso inclúe desde o pretratamento e a fermentación ata a maduración e o almacenamento do material, ademais dos correspondentes tratamentos de aire e augas.

Segundo a Xunta, as instalacións incorporan tecnoloxías destinadas tanto ao procesamento dos residuos como ao control de cheiros e ruído, co obxectivo de desenvolver unha actividade industrial compatible coa protección ambiental e co benestar da cidadanía.

Parte destas infraestruturas conta tamén con paneis solares fotovoltaicos, o que permite alcanzar a autosuficiencia enerxética en determinadas instalacións, reducir a dependencia dos combustibles fósiles e contribuír á redución de emisións.

A adxudicación enmárcase na rede galega de infraestruturas para a compostaxe de materia orgánica impulsada pola Xunta para axudar aos concellos a cumprir coa obriga de implantar a recollida separada desta fracción, vixente desde o 1 de xaneiro de 2024.

Esta rede supuxo un investimento global de 45 millóns de euros, dos que 30 millóns proceden de fondos europeos. Está integrada por catro plantas de biorresiduos, unha por provincia: Cervo, Verín, Vilanova de Arousa e Cerceda.

A elas súmanse 13 plantas de transferencia e apoio, seis de nova construción e sete remodeladas, todas elas equipadas cunha tolva específica para o transvasamento de residuos orgánicos, caracterizados polo seu elevado contido en humidade.

O obxectivo desta infraestrutura é aplicar o principio de proximidade para que practicamente a totalidade dos 304 concellos adheridos actualmente a Sogama dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros. Con iso tamén se busca reducir as emisións de CO₂ asociadas ao transporte destes residuos.

Por outra banda, Sogama adxudicou recentemente o servizo de control de pesaxe e mantemento de básculas do Complexo Ambiental de Cerceda por un importe de 1.957.296 euros, IVE incluído, e durante un período de catro anos.

Este servizo permitirá rexistrar as cantidades de residuos que entran nas instalacións de Cerceda e a súa procedencia, así como controlar os materiais que saen do complexo con destino aos centros de reciclaxe.

0.12960910797119