Adxudicada a obra para a zona de ocio e xogos de San Cosme, en Barreiros

AMariñaXa
Adxudicada a obra para a fase de humanización do espazo no que se está a crear unha zona de ocio e xogos en San Cosme.
Foto pista multideporte barreiros san cosme
Foto pista multideporte barreiros san cosme
24 mar 2023

A Xunta de Goberno Local de Barreiros vén de adxudicar a obra para a fase de humanización do espazo no que se está a crear unha zona de ocio e xogos en San Cosme. As obras, que ascenden a un total de 71.874,19 euros, están financiadas ao abeiro dun convenio coa área de Medio Rural da Deputación, que aporta 68.280,48euros.

En dita zona, na que xa está instalada unha pista multideporte e unha zona de compostaxe comunitaria, realizaranse nesta fase as labores para dotar a zona de alumeado, de beirarrúas e elementos de seguridade viaria para os peóns, especialmente nos accesos ao centro escolar. Ademais, inclúese a colocación de mobiliario coma bancos e mesas, aparcabicis e papeleiras.

A alcaldesa, Ana Ermida, explica que “esta segunda intervención que se realiza nese espazo é o paso previo para a colocación dos xogos que rematen por converte a zona que ata hai tres anos era residual, nun espazo integrado no entorno e ao servizo de nenas, nenos e mocidade dunha idade máis avanzada que aos que se dirixe o parque existente na praza das vivendas sociais.”

Ermida avanza que están traballando xa nun novo convenio coa área de mocidade da Deputación para poder realizar esa última fase e deste xeito finalizar as actuacións nese espazo que “dotará de vida e sentido a unha zona como é a das vivendas sociais e o centro escolar, en pleno centro de San Cosme, que ata hai tres anos era unha silveira deixada a bravo.”

Adxudicada tras dúas licitacións desertas. 

Esta obra foi finalmente adxudicada tras a solicitude de tres ofertas ás empresas José Saa, SL; Blanco Villar e Otelec, por ter sido licitada en dúas ocasións sen que foran recibidas propostas ao respecto. Tal e como establece a normativa en materia de contratación, cando unha licitación queda deserta é posible acudir á vía do procedemento negociado sen publicidade. En base ao informado polo persoal xurídico, solicitáronse tres ofertas, das que se recibiron dúas; resultando adxudicataria a empresa Otelec Costa Norte, SL por un importe de 59.300,16 € (mais IVE), é dicir, un  total de 71.753,19 €.

pista multideporte Barreiros