Adrián Ben dará o pregón das Festas de San Roque 2025 en Viveiro

AMariñaXa
O atleta será o encargado de abrir unhas festas cheas de música, tradición e actividades para todos os públicos
Adrian-Ben-concello-de-viveiro-foto
29 Jul 2025

O atleta internacional Adrián Ben, natural de Viveiro, será o encargado de pronunciar o pregón que inaugurará oficialmente as Festas de San Roque 2025. O acto terá lugar o xoves 14 de agosto, ás 19:30 horas, na Biblioteca Pública Municipal da vila.

Distinguido como Fillo Predilecto de Viveiro no ano 2022, Adrián Ben é considerado un dos grandes embaixadores da localidade, levando o seu nome con orgullo por pistas de todo o mundo. A súa elección como pregoeiro supón un recoñecemento tanto á súa excelente carreira deportiva como ao seu compromiso coa súa terra.

Desde a Comisión de Festas destacan que “é unha figura moi querida, admirada e representativa dos valores que mellor definen á xente de Viveiro: traballo, humildade e orgullo de orixe. É un referente para a mocidade, non só no atletismo, senón en calquera disciplina deportiva”.

O pregón marcará o inicio dunhas festas que se prolongarán durante varios días e que contarán cun programa musical de primeiro nivel. Entre os nomes confirmados destacan De Ninghures, Azúcar Moreno e Dasoul. A maiores, está prevista unha ampla oferta de actividades pensadas para todos os públicos, cuxo detalle será anunciado nas vindeiras semanas.

Adrián Ben continúa facendo historia no atletismo español. Especialista en medio fondo, particularmente nos 800 metros lisos, proclamouse campión de Europa en pista cuberta en 2023 e foi finalista en dous campionatos do mundo e nos Xogos Olímpicos. A súa constancia, talento e carácter competitivo convertérono nun habitual das grandes citas internacionais, sempre coa bandeira de Viveiro no corazón.

⚙ Configurar cookies
0.32193398475647