ADEGA realizará preto de 40 limpezas simultáneas de praias esta fin de semana en Galicia

GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
A asociación publica o mapa con todos os areais nos que se organizará o voluntariado
limpeza-praias-galicia-adega
14 Oct 2026

A asociación ecoloxista ADEGA pon a punto a XV Limpeza Simultánea de Praias, que terá lugar nun total de 22 concellos da costa galega ao longo desta fin de semana, 16, 17 e 18 de outubro, baixo o lema “Únete á marea!”. Nela participarán case 40 entidades, entre asociacións, concellos, colectivos ecoloxistas, centros de ensino… Algúns deles xa son participantes asiduos neste tipo de limpezas, mais tamén hai novas entidades que se suman agora por primeira vez a esta gran convocatoria do voluntariado galego.

Son chamados a participar nesta cita anual centros de ensino, escolas de surf e mergullo, clubs de piragüismo e vela, sector da pesca e marisqueo, concellos do litoral, e entidades de todo tipo de Galiza, tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares. As limpezas mobilizarán numeroso voluntariado ambiental que se desprazará a praias de toda a costa galega para contribuír a deixalas libres de lixo.

Para facilitar a inscrición de persoas, ADEGA pon a disposición un mapa con todas as convocatorias previstas ao longo de Galiza. Aquelas que estean impulsadas por grupos abertos que permitan inscrición contarán coa información de contacto necesaria para unirse á limpeza; e nas redes sociais de cada entidade organizadora tamén estará dispoñible a toda a información. ADEGA chama a todas as persoas que queiran participar nesta gran xornada de voluntariado a procurar no mapa a súa praia máis próxima e a contactar coa asociación ou concello que organiza a limpeza nela.

As limpezas serán ecolóxicas, non mecanizadas, e tratarán de eliminar boa parte dos residuos que están nas praias, coa idea de chamar a atención da sociedade sobre a contaminación procedente de terra adentro. As principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no “usar e tirar”, na deficiente xestión dos residuos que xeramos e na falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. Todo iso provoca que, cada ano, 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedentes, en parte, da industria do mar (pesca, extraccións…), pero tamén dos nosos fogares.

Nesta 15ª edición, colaboran na Limpeza Simultánea de Praias os concellos de Ares, Cangas, Fene, Muros, Nigrán e O Grove.

0.14702391624451