ADEGA e o Proxecto Ríos propoñen un roteiro o 21 de setembro para redescubrir a natureza e cultura da Mariña
O próximo sábado, 21 de setembro, a organización ecoloxista ADEGA e Proxecto Ríos levarán a cabo un roteiro polo rego de Santo Estevo do Ermo, en Barreiros, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio natural e cultural da zona. Esta actividade enmárcase no primeiro "roteirríos" da campaña de outono 2024 de Proxecto Ríos, un programa de roteiros destinados a conectar ríos e cidadanía a través de experiencias lúdicas e educativas.
O Proxecto Ríos é unha iniciativa de educación e voluntariado ambiental impulsada por ADEGA que promove o coñecemento sobre a importancia dos ecosistemas fluviais, visibilizando os seus problemas e fomentando a participación cidadá no mantemento e mellora dos ríos galegos. Neste contexto, o "roteirrío" permitirá aos participantes explorar a fraga de Santo Estevo do Ermo, un espazo de rica biodiversidade con especies autóctonas e iniciativas de custodia para a súa conservación.
Programa da xornada
A actividade comezará ás 10.00 da mañá, cunha análise da calidade do bosque de ribeira e un estudo de macroinvertebrados para avaliar o estado de saúde do rego. Tamén se realizará unha recollida de lixo no marco da XVII Limpeza de Ríos de ADEGA. Os participantes visitarán a finca recentemente adquirida pola Fundación Eira da Xoana, Mariña Patrimonio e a Irmandade de Santo Estevo para a súa recuperación e conservación, así como a ermida de Santo Estevo do Ermo e o revertedoiro, rematando o roteiro ás 14:15.
O percorrido será de aproximadamente 2 km e de dificultade baixa. Recoméndase levar calzado con sola antideslizante e adaptado para zonas húmidas, así como roupa cómoda, auga e algo de comida para media mañá.
A actividade, financiada por Augas de Galicia, conta coa colaboración da Eira da Xoana, Mariña Patrimonio e a Irmandade de Santo Estevo do Ermo. Para participar, é necesario inscribirse previamente a través deste formulario.