Adega denuncia a corta de árbores sans no colexio Gregorio Sanz

AMariñaXa
A asociación ecoloxista considera que o Concello non pode alegar criterios técnicos que xustifiquen a acción
tala-ribadeo
6 Nov 2024

Adega denuncia a corta indiscriminada de árbores sans por parte do Concello de Ribadeo no colexio público Gregorio Sanz. Trátase dos traballos que se están a desenvolver estes días, nas que se están cortando, consideran, sen ningún tipo criterio técnico, árbores totalmente sans, que non presentan ningún problema fitosanitario. A través dunha empresa privada, o Concello de Ribadeo, cortou xa unha ducia exemplares de cerdeiras, chopos ou tuias, de mais de 30 anos nalgún caso.

A isto súmase que estas tarefas de poda e corta, na que incluso había maquinaria pesada, se fixeron en horario lectivo, cando as alumnas e alumnos estaban nas instalacións educativas.

Desde Adega denuncian que o Concello non pode alegar criterios técnicos para xustificar talar estas árbores, totalmente sans, que non supoñían ningún tipo de risco para as crianzas, e cuestionan esta decisión, que privará ás nenas e nenos do Colexio Público Gregorio Sanz de poder desfrutar deste espazo verde.

“Nestes días nos que, desgraciadamente, asistimos tan de preto aos efectos que o cambio climático provocan no noso entorno, non entendemos esta total falla de sensibilidade por parte do Concello de Ribadeo, que no canto de afrontar estes retos que nos trae século XXI, cambiando os nosos pobos e cidades, cara un urbanismo verde, para facelas mais habitables, se adica a cortar dunha maneira infundada e caprichosa árbores que non supoñen ningún tipo de perigo nin teñen enfermidade algunha”, afirma a asociación ecoloxista.

O BNG ESIXE A PARALIZACIÓN INMEDIATA

O voceiro do BNG municipal Pablo Vizoso e o concelleiro Martín Graña acudiron ao centro de ensinanza a comprobar sobre o terreo os traballos de corta e poda que mandou realizar o goberno municipal.

Vizoso declarou: “Ante a alarma suscitada, solicitamos o suposto informe técnico do que falou o alcalde para xustificar esta actuación, como xa pasou coa colocación do mamotreto nas escaleiras do concello ou cas rozas sen permiso e posterior multa que pagamos todos, é moi probable que o dito informe non exista ou que se encargara con posterioridade para intentar tapar a nefasta xestión do alcalde e o concelleiro de medio rural, nos próximos días teremos máis información, está en xogo a pouca credibilidade deste goberno”.

Continúa expresando que para máis gravidade, os traballos estanse realizando en horario lectivo, co perigo que iso conleva. E como se todo isto fora pouco, a madeira está sendo recollida por un familiar directo dun membro do goberno. “E iso fai que nos preguntemos, cal é a verdadeira motivación destas cortas e quen se beneficia delas? É un comportamento ético e a altura do cargo que ostentan? Cas árbores que foron cortadas xa se produciu un dano irreparable ao patrimonio natural de todos e todas as ribadenses, árbores que fomos plantando as distintas xeracións que pasamos por ese colexio e que forman un entorno único para que as crianzas poidan aprender, medrar e disfrutar. Coidar este entorno é labor de todos, inda estamos a tempo de evitar unha desfeita maior”, trasladan a formación nacionalista.

0.17364501953125