Adega denuncia a corta de árbores sans no colexio Gregorio Sanz
Adega denuncia a corta indiscriminada de árbores sans por parte do Concello de Ribadeo no colexio público Gregorio Sanz. Trátase dos traballos que se están a desenvolver estes días, nas que se están cortando, consideran, sen ningún tipo criterio técnico, árbores totalmente sans, que non presentan ningún problema fitosanitario. A través dunha empresa privada, o Concello de Ribadeo, cortou xa unha ducia exemplares de cerdeiras, chopos ou tuias, de mais de 30 anos nalgún caso.
A isto súmase que estas tarefas de poda e corta, na que incluso había maquinaria pesada, se fixeron en horario lectivo, cando as alumnas e alumnos estaban nas instalacións educativas.
Desde Adega denuncian que o Concello non pode alegar criterios técnicos para xustificar talar estas árbores, totalmente sans, que non supoñían ningún tipo de risco para as crianzas, e cuestionan esta decisión, que privará ás nenas e nenos do Colexio Público Gregorio Sanz de poder desfrutar deste espazo verde.
“Nestes días nos que, desgraciadamente, asistimos tan de preto aos efectos que o cambio climático provocan no noso entorno, non entendemos esta total falla de sensibilidade por parte do Concello de Ribadeo, que no canto de afrontar estes retos que nos trae século XXI, cambiando os nosos pobos e cidades, cara un urbanismo verde, para facelas mais habitables, se adica a cortar dunha maneira infundada e caprichosa árbores que non supoñen ningún tipo de perigo nin teñen enfermidade algunha”, afirma a asociación ecoloxista.