Adega denuncia a autorización para o recrecemento da balsa de lamas vermellas de Alcoa
Adega transmite que o pasado 11 de outubro a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental concedeu unha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) favorable para o proxecto de Alúmina Española S.A. de recrecer a balsa mineira de lamas vermellas dende a cota 100 á 104. En apenas 4 meses e con só 17 páxinas, a administración ambiental resolveu autorizar un proxecto que atinxe á instalación mineira de maior risco de Galicia, “deixando sen resolver importantes cuestións relativas á seguridade e efectos na saúde dos refugallos alí almacenados, e demorando aínda máis a aprobación dun plano de peche e restauración obrigatorio por lei”.
Explica que o proxecto de recrecido, xunto co de peche e restauración, iniciou a súa tramitación en agosto de 2022 coa exposición pública. Non foi até o 11 de xuño de 2024, traslada a asociación ecoloxista, que Minas enviou a Medio Ambiente o expediente para o trámite ambiental. Despois de case dous anos sen mover un papel e en apenas 4 meses, Avaliación Ambiental resolveu o trámite e emitiu unha DIA favorable o pasado outubro. Chama a atención a extraordinaria celeridade con que se redactaron e incorporaron os informes preceitivos doutros departamentos da Xunta como Patrimonio Natural, Augas, Emerxencias, Medio Rural, Mar...
UNHA AVALIACIÓN AMBIENTAL “INCOMPLETA E TRUCADA”
Malia térense tramitado conxuntamente o proxecto de recrecido e o plano de restauración, a autorización ambiental emitida atinxe unicamente ao primeiro. Sobre o segundo, a DIA recolle que deberá achegarse un ano antes de que remate a vida da balsa. Porén, sinalan, que hai do plano de restauración xa presentado? Dáse a circunstancia de que para os outros recrecementos históricos autorizados previamente (en 1986, 1995 e 2006) a empresa non achegou ningún proxecto de peche. O primeiro do que Adega tivo noticia foi presentado en 2014 e modificado en 2015 e 2019, mais nunca se fixo público porque a Xunta denegou a Adega o acceso ao documento (xullo de 2020) por estar “en curso de elaboración”. Así que temos unha instalación mineira que dende hai máis 40 anos non ten un plano de restauración aprobado formalmente, maila a ser obrigatorio por lei. E agora o presentado xunto co recrecido semella non valer e demórase até arredor de 2029...
E polo que atinxe ao alcance da autorización ambiental, esta non non inclúe os aspectos de seguridade das instalacións, estabilidade xeotécnica, de seguridade e saúde no traballo, de minería, estradas e outros, malia a estaren incluídos no EIA do proxecto. Trátase pois dunha “DIA incompleta, que ignora factores chave para determinar o impacto ambiental dunha instalación de alto risco para o ambiente e a saúde humana”.
Dende Adega pregúntanse como se pode conceder a autorización ambiental a un proxecto que, no medio da tramitación, modifica as características do principal axente contaminante e provoca que varios departamentos da administración requiran novos estudos e actuacións. Estes requirimentos deberían ser sempre previos á DIA, e non estaren incorporados como condicionantes nunha declaración favorable. Este proceder vulnera o espírito e a letra da Lei 21/2013 de Avaliación ambiental, xa que con semellantes carencias e incertezas non se poden avaliar axeitadamente os impactos do proxecto no ambiente e na saúde, polo que esta DIA debería ser considerada nula e, ao abeiro do art. 38.2 da antedita lei, a empresa debería presentar un novo estudo de impacto ambiental.