ACUAES impulsa o novo sistema de saneamento e depuración de Barreiros

O Consello de Administración de Aguas de las Cuencas de España (ACUAES), sociedade mercantil estatal dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, autorizou a adxudicación do contrato de asistencia técnica para definir o futuro sistema de saneamento e depuración de Barreiros. A decisión supón un paso decisivo para avanzar nunha actuación estratéxica destinada a mellorar as infraestruturas hidráulicas do municipio.
O contrato inclúe a elaboración do estudo de alternativas, os correspondentes estudos ambientais e a redacción do proxecto construtivo. Tras analizarse seis ofertas presentadas ao proceso de licitación, a proposta seleccionada foi a da empresa IDOM Consulting, Engineering, Architecture, S.A.U., cun orzamento de 304.920 euros e un prazo de execución de dez meses.
A actuación permitirá deseñar un sistema de saneamento adaptado ás necesidades actuais e futuras de Barreiros, un concello que experimentou nos últimos anos un notable incremento urbanístico. O proxecto contempla a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais en San Miguel de Reinante e a transformación das actuais EDAR de Santiago de Reinante e Sarxende en estacións de bombeo.
Estas instalacións conducirán os caudais cara á nova depuradora e disporán de tratamento previo de sólidos e graxas, así como dun tanque de tormentas para regular os caudais en períodos de choiva. Ademais, prevese a execución de novas impulsións e dun colector por gravidade.
Unha vez aprobado o proxecto construtivo, será necesaria a sinatura dun convenio de colaboración entre o MITECO e o Concello de Barreiros para definir as condicións de financiamento, execución e explotación das obras, paso previo á súa licitación.