Acordo na Deputación para a declaración institucional polo 8-M

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O presidente convocou unha reunión dos portavoces para propoñer o consenso dun documento entre os grupos políticos.
xunta de goberno local deputacion
18 Feb 2022

O presidente convocou unha reunión dos portavoces para propoñer o consenso dun documento entre os grupos políticos representados na Corporación provincial con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, convocou unha Xunta de Voceiros e Voceiras co fin de propoñer o consenso entre os grupos políticos provinciais dunha Declaración Institucional con motivo da conmemoración do 8-M, o Día Internacional da Muller.

Do encontro, celebrado esta mañá na Sala de Xuntas, saíu un documento acordado por PSdeG, BNG e PP, que será aprobado de maneira unánime no vindeiro Pleno. Na Declaración Institucional, a Deputación reafirma o seu compromiso cos valores do feminismo, esenciais para acadar unha sociedade xusta, incidindo en que “a igualdade, plena e efectiva, é un obxectivo social irrenunciable e unha necesidade para consolidar a calidade dos sistemas democráticos”.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

A Deputación de Lugo súmase un ano máis ás reivindicacións do Día Internacional da Muller e reafirma o seu compromiso cos valores do feminismo, uns valores esenciais para acadar unha sociedade xusta. A igualdade, plena e efectiva, é un obxectivo social irrenunciable e unha necesidade para consolidar a calidade dos sistemas democráticos.

No 2022 cúmprense cinco anos desde que o feminismo galego de base comezou a impulsar mobilizacións  e xornadas de folga de mulleres, que puxeron o foco no ámbito dos coidados e do consumo, alén do económico e social e sen esquecer a importancia vital da loita contra a violencia machista.

Ese activismo, en conexión e solidariedade con outras mobilizacións e paros internacionais para reclamar a igualdade de dereitos das mulleres, tivo un papel fundamental no avance do feminismo como prioridade para cada vez máis capas da sociedade e na consecución dos avances e pasos dados nos últimos anos. Sinala, así mesmo, os compromisos pendentes de realización, en materias como os dereitos laborais ou a corresponsabilidade.

A situación económica e social derivada da pandemia da Covid-19 á que se suma a situación de precariedade e desigualdade previa, acrecentada polas decisións tomadas na crise financeira de 2008, recae de forma importante nas mulleres galegas. A perda de emprego, o peche de pequenas empresas, o impacto dos ERTE, foi maior entre as mulleres.

Segundo o informe do Foro Económico Galego, de decembro do 2021, o 75,5% das persoas ocupadas a tempo parcial en Galicia no último trimestre de 2021 foron mulleres, o emprego temporal medra máis nas mulleres, un 13,5% fronte a tan só un 3,2% entre os homes e teñen a maior taxa de temporalidade, 28,2% fronte ao 23,9% no caso dos homes. Ademais, estudos de organizacións sindicais recentes veñen de facer público un informe no que advirte que Galiza mantén unha fenda salarial que provoca que as mulleres gañen aproximadamente 5.000 euros ao ano menos que os homes.

Ademais, seguen pendentes compromisos como a ratificación do convenio 189 da OIT, que é clave para a dignificación e protección dun sector feminizado como o das traballadoras do fogar e para a regulación dunha economía mergullada na que milleiros de mulleres traballan sen recoñecemento e condicións dignas.

O emprego é a ferramenta fundamental do empoderamento. Unha muller sen recursos é máis vulnerable ós abusos, á dependencia dunha figura masculina. Unha muller sen emprego ten menos capacidade para defender os seus dereitos. Unha muller se emprego sitúase nun dobre risco de exclusión, pola situación de desemprego e polo feito de ser muller.

A pesares do desenvolvemento do estado do benestar e dos servizos públicos, en tempo de crise a sociedade volve a cara ás mulleres para que asuman o coidado dos maiores ós que o sistema non atende. Que acompañen ós convalecentes que xa non precisan ingreso hospitalario pero aínda non recuperan a súa vida cotián. Que atendan ós nenos e nenas que por un motivo ou outro non poden asistir á escola, ou o fan por videoconferencia.

Moitas das medidas sanitarias que adoptan os expertos, por exemplo os confinamentos no fogar, parten do suposto implícito de que as mulleres renunciarán á súa carreira profesional, á súa rutina, para atender á conciliación, para estender o coidado alí onde non chega o Estado.

Agora que estamos a superar ós poucos a sexta onda dunha pandemia que xa dura por dous anos, cumpre non esquecer que o seu impacto foi máis forte nas mulleres. Cumpre pois que a sociedade faga agora un esforzo especial e que a recuperación económica teña tamén rostro feminino.

O pasado 7 de febreiro celebramos o 30 aniversario do Tratado de Maastricht, a carta de fundación da Unión Europea. Hoxe, nun momento no que a cooperación europea resulta fundamental para superar xuntos os efectos da pandemia, cumpre lembrar a dimensión feminina da construción europea. Europa ten sido, historicamente, o ámbito xeográfico no que os dereitos das mulleres acadaron maior desenvolvemento. Reclamacións históricas como o dereito ó voto, á interrupción do embarazo, á igualdade laboral, a loita contra a violencia machista, avanzaron máis deprisa e máis lonxe nese ámbito europeo do que Lugo forma parte.

Cumpre facer un uso dos fondos europeos a altura desa historia. A reconstrución non pode deixar a ninguén atrás. A reconstrución ten que facerse tamén en clave de xénero, con proxectos que teñan como un dos seus eixos fundamentais a recuperación do emprego feminino.

Esta institución quere darlle una visibilidade especial ó seu compromiso cos valores do feminismo e co emprego feminino impulsando neste mandato os seu Primeiro Plan de Igualdade.

É un paso máis, co que adaptamos a nosa estrutura interna á realidade social, que demanda unhas institución guiadas polos principios de igualdade de xénero. A prevención do acoso sexual, a retirada da linguaxe sexista, garantir a representación feminina ou facilitar dun xeito efectivo a conciliación ca vida familiar son algúns dos obxectivos dun Plan que quere marcar un fito no compromiso da Deputación ca loita feminista.

Unha loita que non é dun só día, senón de todos os días. Unha loita que non incumbe só ás mulleres, senón que ten que ser a loita de toda a sociedade.

ACELERADORA DE PEMES

A Xunta de Goberno aprobou tamén concorrer a unha liña de axudas con fondos europeos convocada pola entidade pública empresarial Red.es, dependente do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, para a creación dunha rede de oficinas denominada Acelera PEMES no Eido Rural. “Dende a Deputación de Lugo solicitamos un proxecto valorado en medio millón de euros, dos cales, de ser concedido, o 80% sería financiado por Red.es e o 20% restante pola propia institución provincial”, explicou a Voceira provincial.

García Porto destacou que este orzamento “permitiríanos crear unha oficina provincial con sete traballadores e traballadoras para ofrecer, durante un prazo máximo de dous anos, asesoramento e soporte ás pequenas e medianas empresas da provincia en materia de transformación dixital”. Trátase dun proxecto de asesoramento totalmente gratuíto e personalizado, adaptándose ás características e necesidades de cada negocio dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes.

Este proxecto presentado pola institución provincial contempla unha oficina de asesoramento con sede física nas dependencias da Deputación; unha sede virtual e, a maiores, tería presenza en todo o territorio a través dunha rede de cinco oficinas móbiles: na Mariña, na Chaira, na zona centro, na Montaña e na Zona Sur para ofrecer unha atención próxima e eficaz.

“O obxectivo é axudar ao tecido empresarial a aproveitar os recursos que ofrece a dixitalización e as novas tecnoloxías para modernizar e para mellorar o seu negocio, de maneira que gañen en competividade, en produtividade, en eficiencia, e para que abran novas oportunidades de negocio”, valorou a Voceira socialista do goberno.

García Porto destacou que “concorrendo á convocatoria de axudas de Red.es para crear as oficinas ACELERA PEMES damos continuidade a un apoio que xa estamos desenvolvendo na actualidade a través do programa Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa”.

GRANXA GAYOSO CASTRO

A Xunta de Goberno sacou tamén adiante a licitación por un importe de 70.000€ do contrato de prestacións de servizos agrícolas e gandeiros na Granxa Gayoso Castro da Deputación de Lugo, que inclúe traballos como o empacado de herba seca, aplicación de produtos fitosanitarios, cultivo do millo, aplicación de fitosanitarios (herbicida e insecticida), entre outras tarefas agrícolas.

Así mesmo, aprobouse a licitación por case 11.000 euros do contrato para a prestación do soporte de mantemento do sistema software de xestión de recursos humanos.

REMANENTES PLAN ÚNICO

A Xunta de Goberno deu luz verde á solicitude dos concellos de Cospeito, Castro de Rei, e Pedrafita do Cebreiro para aplicar remanentes do Plan Único 2021 a novas actuacións. No caso de Cospeito destinaranse 30.000 euros á mellora de accesos ao barrio da Ponte, ao alumeado exterior de Édramo, en Xermar, e á dotación de alumeado público na contorna da Igrexa de Roás. En Castro de Rei investiranse 43.287,81€ á pavimentación e rexeneración de accesos en Triabá e Ludrio e, en Pedrafita do Cebreiro, cuns remanentes de case 2.000€ farase a reconstrución dun muro tradicional de pedra para a contención de terras no acceso ao núcleo de Acivo.

0.11456799507141