Acisa Ribadeo premiará o relevo xeracional na gala do seu 35 aniversario

AMariñaXa
Ata o 25 de abril pódense retirar as tarxetas para a Gala do 35 aniversario de Acisa Ribadeo, que terá lugar no Parador de Turismo o día 28 deste mes a partir das 21.
gala_35_aniversario_acisa_ribadeo
gala_35_aniversario_acisa_ribadeo
22 Abr 2024

Ata o 25 de abril pódense retirar as tarxetas para a Gala do 35 aniversario de Acisa Ribadeo, que terá lugar no Parador de Turismo o día 28 deste mes a partir das 21.00 horas. Un centenar de persoas xa confirmaron  a súa asistencia. As tarxetas, que se venden ao prezo de 35 euros, deben recollerse nas oficinas de Acisa Ribadeo.

“A venda de entradas, que abriamos o pasado 1 de abril, marcha a bo ritmo. De todos os xeitos recomendamos que as persoas que desexen acompañarnos o próximo 28 de abril se dean présa en retiralas porque xa quedan poucos días. O prazo péchase o xoves”, sinala a presidenta de Acisa, Carmen Cruzado.

Trátase dunha gala aberta a todo o público. “Entendemos esta cita como un evento de encontro empresarial, tanto para asociados como non asociados. E tamén está aberto para a cidadanía en xeral, aquelas persoas que queiran acompañar aos Galardoados de Acisa Ribadeo 2024, amigos, familia, compañeiros… así como calquera veciño que desexe estar presente neste importante evento”, conta o xerente de Acisa, Jesús Pérez.

Cruzado sinala que todo está preparado xa para o evento. “A día de hoxe contamos xa con máis de 90 asistentes, unha cifra que esperamos que aumente de aquí ao xoves. Estamos seguros de que será unha velada moi entretida e distendida e por iso queremos animar a todo o mundo a asistir, pasarémonlo ben, charlaremos, riremos,… que ninguén o dubide, que se faga cunha entrada para asistir a esta Gala Anual de Acisa Ribadeo”. Ademais, ao comezo da gala intervirán as autoridades asistentes e ao finalizar a cea “farase entrega dos galardóns Acisa Ribadeo 2024, á substitución xeracional, a dous negocios emblemáticos e á Ribadense do ano”, engade Pérez Prada.

0.18423104286194