Acisa propón unha nova xornada gastronómica 'De torreznos e chiquitos'

AMariñaXa
Do 29 de novembro ao 1 de decembro en 19 locais hostaleiros de Ribadeo
211124-Foto-torreznos-e-chiquitos-Ribadeo
21 Nov 2024

'De torreznos e chiquitos por Ribadeo' é a nova xornada gastronómica de Acisa para despedir o mes de novembro. Está organizada pola asociación en colaboración con Asoporcel, Celtagal e Azpilicueta. Nesta actividade participan 19 establecementos asociados a Acisa.

A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, contou: “Do 29 de novembro ao 1 de decembro terá lugar 'De torreznos e chiquitos por Ribadeo', unha cita gastronómica na que participarán 19 locais hostaleiros asociados a Acisa, que van ofrecer algo moi tradicional e apetecible, un combinado de tapa de torreznos de porco celta e un chiquito de viño. Grazas á colaboración de Asoporcel e Celtagal puidemos desde Acisa organizar esta nova xornada. Celtagal facilítanos de forma gratuíta preto de 35 quilos de touciño de porco celta, que imos distribuír entre os locais participantes”.

Segundo lembrou o xerente de Acisa, Jesús Pérez, “Esta é unha actividade que hai bastantes anos xa fora un éxito, solo cos chiquitos, e agora quixemos recuperar ese formato e amplialo. Esta é xa a cuarta vez que desde Acisa regalamos materia prima para a celebración dunha actividade gastronómica entre os establecementos participantes, co que pretendemos deste xeito aforrarlles custes nas campañas que lles propoñemos. Aos 35 quilos de touciño, hai que engadir que de xeito gratuíto tamén se  lles fai entrega a cada participante de 24 vasos de chiquitos de cristal e dunha botella magnum de Azpilicueta. Os establecementos participantes deben pasar a buscar o material por as oficinas de Acisa”.

Cruzado Iglesias declarou: “Queremos agradecerlle a Asoporcel a súa colaboración para poder organizar esta cita; a Celtagal, que nos cede o produto de porco celta de xeito totalmente gratuíto; e a Azpilicueta, que nos dona tamén as botellas magnum das que gozarán os locais hostaleiros. Evidentemente o touciño que lles facilitamos é unha pequena cantidade do produto que ofrecerán, co obxectivo de animalos a participar e para aforrarlles algúns custes, tal e como aconteceu coas xornadas da lura, da pescada ou da xarda”.

Pérez Prada indicou: “Como novidade, xa que habitualmente dende Acisa damos liberdade para cobrar o que considere cada negocio, nesta ocasión esta oferta de chiquito mais tapa de torreznos terá un prezo de 2,50 euros por persoa. O chiquito poderá ser tanto de viño tinto como de viño branco e cada negocio poderá escoller que viño ofrece”.

0.1696469783783