Acisa e a empresa BeOne renovan colaboración
A empresa BeOne, concesionaria da piscina municipal de Ribadeo, renova o seu compromiso con Acisa e convértese no patrocinador principal da Festa do Comercio e da gala da asociación. Acisa e BeOne así o plasmaron no convenio de colaboración asinado por Roberto Ramos, CEO de BeOne, e Carmen Cruzado, presidenta do colectivo empresarial ribadense. No acto que tivo lugar nas instalacións de Acisa presente o xerente, Jesús Pérez.
Ramos sinalou que “desde BeOne colaboramos coas entidades locais daqueles municipios nos que estamos presentes. En Ribadeo levamos anos xestionando a piscina municipal, apostando e investindo na mellora das nosas instalacións. Desde Acisa presentáronnos o ano pasado unha proposta de patrocinio, aceptámola, estivemos presentes na Festa do Comercio e na Gala do 35 aniversario da asociación e agora renovamos o noso compromiso para o ano 2025”.
O CEO de BeOne destacou: “Sinto un agarimo especial por Ribadeo, onde resido, e pola Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos, que presidín hai uns anos. As alianzas son cada vez máis importantes e esperamos que co noso apoio Acisa siga organizando campañas e actividades que redunden na dinamización económica de Ribadeo, porque iso será positivo para todo o seu tecido empresarial”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, tivo palabras de agradecemento para Roberto Ramos e para BeOne: “Queremos agradecerlle a Roberto Ramos especialmente e a BeOne, que vaian colaborar connosco no 2025. Fixérono xa neste 2024, un ano moi importante para Acisa, porque conmemoramos o noso 35 aniversario. Fixérono na Festa do Comercio e nesa Gala de celebración. Sabemos da querenza de Roberto Ramos por Ribadeo e por Acisa e dámoslle as grazas por acompañarnos por segundo ano nesta andaina”.
Cruzado explicou que “as asociacións, como Acisa, nutrímonos das cotas das nosas socias e socios, e de subvencións de diferentes administracións como Xunta, Concello e Deputación. Acisa é un colectivo moi activo que organiza preto de medio centenar de actividades ao longo do ano, ademais de dotar de materiais gratuítos aos seus asociados e asociadas. Por este motivo sempre precisamos de máis partidas económicas. Esta directiva decidiu durante o pasado mandato chamar ás portas da iniciativa privada e varias foron as empresas que se sumaron ás nosas campañas ao longo deste ano, que toca ao seu fin. A todas elas aproveitamos a ocasión para agradecerlles o seu apoio e a súa confianza”.
E engadiu: “Parécenos moi importante e positivo que as empresas se decidan a colaborar economicamente connosco patrocinándonos, isto quere dicir que as actividades que realizamos desde Acisa resultan atractivas para o conxunto da cidadanía e do colectivo empresarial”.