Acia Foz-CCA volve colaborar coa loita contra o cancro cunha nova edición da campaña Euro Solidario

Foz
AMariñaXa
A iniciativa solidaria, en apoio á Asociación Española Contra o Cancro, desenvolverase en Foz entre o 24 de abril e o 11 de maio en establecementos locais
2026-euro-solidario-Foz
24 Apr 2026

Acia Foz-CCA renovará por noveno ano consecutivo a súa colaboración coa delegación local da Asociación Española Contra o Cancro a través da campaña Euro Solidario, unha iniciativa solidaria que volverá mobilizar ao tecido comercial do municipio en favor da investigación e apoio ás persoas afectadas pola enfermidade.

A acción desenvolverase entre o 24 de abril e o 11 de maio, período no que os establecementos adheridos contarán con huchas destinadas á recollida de doazóns voluntarias da clientela. Baixo o lema “Súmate á loita contra o cancro. Euro solidario”, a campaña busca fomentar a participación cidadá e contribuír, a través de pequenas achegas, ao traballo que realiza a asociación.

O presidente de Acia Foz-CCA, José Carlos Paleo, destacou a continuidade desta colaboración e puxo en valor a implicación do comercio local. “Un ano máis queremos sumar esforzos coa delegación local da Asociación Española Contra o Cancro porque toda axuda é importante”, sinalou. Así mesmo, animou á veciñanza a participar na campaña e a colaborar nos distintos negocios de Foz, lembrando a boa acollida que esta iniciativa tivo en edicións anteriores e confiando en que se repita tamén neste 2026.

Desde a asociación empresarial subliñan que esta acción solidaria xa está plenamente consolidada no calendario anual do comercio focense, converténdose nun exemplo de colaboración entre o tecido económico e as entidades sociais do municipio.

0.13344502449036