Acia Foz-CCA sorteará 10 Soños de Nadal con 1.000 euros en vales de compra

Foz
AMariñaXa
O sorteo celebrarase o 8 de xaneiro en Radio Foz, e tamén se recoñecerán os escaparates máis creativos da vila durante estas datas festivas
foz-acia-sorteo-nadal-2025-2026
2 Jan 2026

O comercio local de Foz terá un impulso extra este Nadal grazas á iniciativa de Acia Foz-CCA, que convocará o sorteo dos “10 Soños de Nadal”. En xogo estarán un total de 1.000 euros en vales de compra, repartidos en dez premios de 100 euros cada un.

O presidente da asociación, José Carlos Paleo, explicou que a participación é automática para todas as persoas que realicen compras superiores a 10 euros nos establecementos asociados entre o 12 de decembro e o 6 de xaneiro. “O día 8 de xaneiro, a través de Radio Foz, celebraremos o sorteo para que a veciñanza poida gañar un dos dez vales e facer realidade un soño de Nadal”, afirmou Paleo.

O responsable de Acia Foz-CCA aproveitou a ocasión para animar á cidadanía a seguir apoiando o comercio local, “que é o que dá vida ás nosas rúas e ao noso pobo. En Foz, os Reis Magos atoparán todo o necesario para sorprender estas datas e cumprir algún deses pequenos desexos”.

Ademais, un ano máis recoñeceranse os escaparates máis orixinais e coidada decoración, unha iniciativa que, segundo Paleo, pretende premiar o esforzo dos negocios que enchen as súas tendas da maxia do Nadal e fan que a vila se viste de festa. Acia Foz-CCA aproveitou tamén para desexar ás empresas asociadas e aos clientes un próspero e feliz 2026.

⚙ Configurar cookies
0.075957059860229