ACIA Foz-CCA repartirá 1.000 euros en vales de compra e organizará actividades polo Nadal

ACIA Foz-CCA prepara unha programación especial para celebrar o Nadal que combinará propostas pensadas para os máis pequenos, iniciativas para animar as compras no comercio local e un concurso que premiará a decoración dos establecementos. A campaña desenvolverase ata o 5 de xaneiro e culminará co sorteo de dez vales de compra por valor de 100 euros cada un, que sumarán 1.000 euros.
A primeira actividade terá lugar os días 1, 2 e 3 de decembro, coa chegada do trasno do comercio local. Esta personaxe esconderase cada xornada nun escaparate diferente de Foz e as persoas que consigan localizalo deberán entrar no establecemento e pronunciar as palabras máxicas "comercio local" para recibir como recompensa un doce de Nadal.
A programación continuará o 11 de decembro cun obradoiro infantil na avenida da Mariña, previsto entre as 17.30 e as 18.30 horas. Durante esta actividade, os nenos e nenas elaborarán as súas propias bólas de Nadal para colocalas na árbore dos desexos, que contará tamén coa visita dunha personaxe destas festas. A colocación das decoracións na árbore realizarase ás 19.00 horas.
A avenida da Mariña volverá ser escenario dunha proposta para o público familiar o 18 de decembro. Nesa ocasión, ás 18.30 horas, celebrarase un contacontos de Nadal.
A campaña comercial dará a oportunidade de participar no denominado Sorteo de 10 desexos, a través do cal se repartirán dez vales de compra de 100 euros. Os boletos poderán conseguirse entre o 10 de decembro e o 5 de xaneiro, data na que se realizará o sorteo, que será non presencial.
A iniciativa tamén buscará incentivar a ambientación dos negocios durante estas datas mediante un concurso de decoración no que un xurado profesional seleccionará cinco propostas premiadas. Tres galardóns corresponderán aos mellores escaparates, mentres que os outros dous distinguirán o establecemento de hostalería coa mellor decoración interior ou exterior e a fachada máis destacada.
Por outra banda, as tendas de xoguetes e librarías asociadas dispoñerán de cartas para que os nenos e nenas poidan escribir as súas peticións a Papá Noel e aos Reis Magos.
A campaña conta co apoio da Xunta de Galicia, Comercio Galego e o Concello de Foz. Desde ACIA Foz-CCA trasladan os seus desexos de boas festas e feliz aninovo á veciñanza.