Acia Foz-CCA impulsa a campaña do Día da Nai con sorteos para apoiar o comercio local

A asociación Acia Foz-CCA pon en marcha unha nova campaña co gallo do Día da Nai, co obxectivo de dinamizar o comercio e a hostalería local nunha das datas máis destacadas para as compras.
A iniciativa premiará a fidelidade dos clientes cun sorteo no que se incluirá unha obra de arte realizada por unha creadora da vila, ademais de 400 euros en vales de compra que se repartirán en catro premios de 100 euros cada un.
Segundo explicou o presidente da entidade, José Carlos Paleo, a campaña busca incentivar que as compras se realicen nos establecementos de proximidade. “En Foz hai unha ampla variedade de comercios onde se pode atopar calquera detalle para sorprender ás nais”, sinalou, ao tempo que animou á veciñanza a apostar polo comercio local nestas datas.
Para participar no sorteo, será necesario realizar compras entre o 24 de abril e o 5 de maio nos negocios adheridos. O sorteo celebrarase o día 8 de maio a través de Radio Foz, onde se darán a coñecer as persoas premiadas.
Desde a asociación tamén convidan a completar a celebración gozando da oferta hostaleira do municipio, reforzando así o impacto económico da campaña no conxunto do tecido local.
Con esta proposta, Acia Foz-CCA continúa apostando por iniciativas que fomentan o consumo de proximidade e contribúen a dinamizar a actividade comercial e social da vila.