Ábrese o periodo de alegacións para os proxectos para o porto de Viveiro

AMariñaXa
O Diario Oficial de Galicia recolle o inicio do trámite de información pública do documento de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) do porto de Viveiro
rua-do-porto-celeiro-Viveiro
24 Out 2024

O Diario Oficial de Galicia recolle o inicio do trámite de información pública do documento de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) do porto de Viveiro, na Mariña lucense. Así llo comunicou o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, á alcaldesa de Viveiro nunha reunión de traballo para avaliar os proxectos do ente público para os portos viveirenses. Co anuncio do DOG ábrese un prazo de dous meses para a presentación de alegacións por parte dos afectados por esta proposta que permite planificar a distribución do solo portuario en función da súa actividade, de cara a un crecemento ordenado do porto.

Ademais, Portos de Galicia solicitou informes sectoriais ás distintas administracións competentes, entre elas a Capitanía Marítima, Costas do Estado Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte. Tal como informou o presidente de Portos de Galicia á alcaldesa, a DEUP recolle a exclusión da zona portuaria da Ponte da Misericordia e a rampla anexa, tal como se deriva da propia transferencia de competencias sobre os portos do Estado á Xunta de Galicia dos anos 80. Deste xeito queda documentado tamén a través desta ferramenta que dita zona non pertence ao dominio público portuario.

Durante o encontro de traballo, o presidente de Portos trasladou á alcaldesa tamén as próximas actuacións previstas para os peiraos de Celeiro e Viveiro. Así, informou de que o ente público ten prevista a próxima substitución das luminarias de ambos portos por tecnoloxía LED con control telemático a través dun investimento de 120.000 euros. Así mesmo renovaranse os firmes e pavimentos de varios viais e a explanada portuaria cunha actuación orzamentada en 95.000 euros. Finalmente, en relación aos terreos do Casino, o mandatario autonómico informou de que se están a explorar alternativas que permitan manter neles o uso portuario, de xeito que se manteña e mellore as actividades propias dun porto desta importancia.

Xunto co anterior, durante a xuntanza o presidente de Portos de Galicia deu conta de que os Orzamentos da Xunta de cara ao 2025 recollen un investimento plurianual de 1,2 millóns de euros para o reforzo do dique de abrigo do porto de Celeiro. Porén, esta actuación atópase á espera, desde hai máis de dous anos, dos informes preceptivos de Costas do Estado para formalizar a adscrición, que permitirá o cambio de titularidade do terreo no que se executará a obra do Estado á comunidade autónoma; unha transferencia imprescindible para poder realizar os traballos necesarios para mellorar a seguridade das mulleres e homes do mar.

0.27536416053772