Abres estrea un novo centro social

A parroquia de Abres, no concello de Trabada, conta desde este domingo cun novo centro social tras a inauguración oficial encabezada pola presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e polo alcalde trabadense, Rubén García. Trátase dun espazo destinado á convivencia veciñal e á dinamización da vida comunitaria, cuxa construción foi posible grazas a unha achega provincial de 190.000 euros.
Na súa primeira visita institucional a Trabada desde que asumiu a presidencia da Deputación, Carmela López puxo en valor a importancia de dotar o rural de infraestruturas e servizos que garantan calidade de vida. “O rural ten futuro, pero necesita servizos”, subliñou, destacando que este novo centro responde ás necesidades dunha parroquia que carecía ata agora dun equipamento destas características.
A presidenta incidiu en que Trabada reflicte con claridade a realidade da provincia de Lugo, marcada pola dispersión da poboación e o envellecemento, pero tamén polo forte sentimento de comunidade. Neste sentido, salientou o papel dos espazos compartidos como motores de relación social e cohesión veciñal. “Lugares como este son fundamentais para manter viva a actividade social e fortalecer os vínculos entre a veciñanza”, afirmou.
O acto contou coa presenza da Corporación municipal, de alcaldes e alcaldesas da Mariña e do Occidente asturiano, así como dun amplo número de veciñas e veciños de Abres. Durante a súa intervención, Carmela López felicitou ao alcalde de Trabada pola súa xestión e pola súa capacidade para buscar o apoio doutras administracións en beneficio do municipio, lembrando que a Deputación tamén se comprometeu recentemente a colaborar na mellora do centro social de Sante.
Segundo explicou a presidenta, inauguracións como esta permiten achegar a xestión pública á cidadanía. “Son ocasións para dar a cara, para ser próximos e para responder con feitos ás necesidades reais dos concellos e das parroquias”, apuntou.
Tras as intervencións institucionais, Carmela López descubriu unha placa conmemorativa na entrada do edificio, en lembranza da colaboración da Deputación de Lugo. Ademais, a institución provincial realizou unha achega adicional á asociación veciñal para facilitar a adquisición do mobiliario necesario para o correcto funcionamento do centro.
A xornada completouse cunha visita ao Centro de Atención a Maiores que a Deputación xestiona en Trabada, onde a presidenta compartiu un momento cos residentes e co persoal do centro. Así mesmo, aproveitou a súa estancia no municipio para supervisar o estado da estrada LU-P-6101, que une Trabadela e A Ría por Sante, recentemente renovada pola Deputación cun investimento superior aos 300.000 euros.