Abre o prazo para solicitar os postos no mercado da Praza de Abastos de Viveiro

AMariñaXa
A adxudicación realizarase mediante procedemento aberto, primando a oferta económica máis vantaxosa
VIVEIRO-15-NOV-Praza-de-abastos
25 Nov 2024

A Tenencia de Alcaldía de Viveiro informa de que o día 26 de novembro, se abre o prazo de solicitude dos postos dispoñibles no mercado da Praza de Abastos do municipio.

Previamente xa se anunciara a licitación pública para a concesión destes espazos, que se poderán visitar contactando co Concello no número de teléfono 982 560 128 ou no Departamento de Contratación.

A concelleira de Mercado, Iria Cotelo, sinala que "esta licitación especial busca reverter a situación actual de inactividade que afecta a gran parte dos postos, promovendo o uso e a vitalidade na Praza de Abastos ata que se poidan acometer as obras de remodelación que se están a proxectar".

O prazo de solicitude dos postos estará aberto durante 30 días hábiles, finalizando o día 14 de xaneiro de 2025. A adxudicación realizarase mediante procedemento aberto, primando a oferta económica máis vantaxosa.

A concesión, segundo explica, terá un prazo inicial dun ano, prorrogable por outro ano sempre que non se inicien as obras de remodelación. Permitirase a venda directa de calquera tipo de produto, sempre e cando se realice atención directa ao público desde o propio posto.

O canon anual por metro cadrado está establecido en 4,78 euros, cunha bonificación especial debido ao carácter excepcional da licitación. O importe poderá ser mellorado ao alza por cada licitador, quen abonará o canon de forma mensual.

0.11522388458252