Abre o prazo para presentarse á quinta edición dos premios de turismo da Deputación

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
As candidaturas poden anotarse na sede electrónica ata o 5 de xullo
premio-festa-da-filloa-deputacion2
A Festa da Filloa foi a galardoada o ano pasado
5 Xuño 2024

A Deputación de Lugo publicou este martes, 4 de xuño, no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP) a convocatoria e as bases da quinta edición dos premios á excelencia do turismo da provincia nas diferentes categorías: Lugo Cambia ao Turismo Lucense, Turismo Sostible e ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense. Desta forma, as candidaturas poderán presentarse dende hoxe, mércores, no prazo dun mes, ata o día 5 de xullo, na sede electrónica da institución.

Poden presentarse persoas físicas ou xurídicas, institucións e entidades públicas ou privadas, asociacións e colectivos sen ánimo de lucro, de ámbito local, autonómico, nacional ou internacional que destaquen nalgunha das tres modalidades e que teñan repercusión positiva no turismo ou na gastronomía a nivel provincial ou nunha zona específica. As candidaturas poderán formularse a título individual ou por unha terceira persoa co consentimento expreso do candidato ou candidata no apartado “Trámites xerais” da sede electrónica.

Os galardóns, que serán entregados o 27 de setembro nun acto público coincidindo co Día Mundial do Turismo, teñen como finalidade apoiar, poñer en valor e dar visibilidade ao traballo e a calidade do sector turístico e hostaleiro da provincia de Lugo. Os galardóns teñen carácter honorífico, igual que nas anteriores edicións, e consistirán nun diploma acreditativo e un agasallo, que será unha peza de artesanía tradicional da provincia.

O xurado estará composto polos representantes do Consello Provincial de Turismo, que, nunha sesión extraordinaria, fallará tres premios nas categorías de Lugo Cambia ao Turismo Lucense e ...E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense, e un único premio no caso da categoría de Turismo Sostible. Na valoración das candidaturas terase en conta a achega da iniciativa ao desenvolvemento turístico, a singularidade da proposta e a repercusión positiva sobre a imaxe da provincia.

Estes premios, que convoca con carácter anual a Deputación de Lugo, celébranse desde o ano 2020 nas categorías de Lugo Cambia ao Turismo Lucense e …E para comer, Lugo á Gastronomía Lucense. Uns recoñecementos que se ampliaron o ano 2022 coa creación da modalidade de Turismo Sostible, que ten por obxecto o distinguir aquelas iniciativas que, dentro do ámbito da provincia de Lugo, contribúan a acadar a sustentabilidade turística no eido social, económico e medioambiental.

0.13710403442383