Abre o prazo para o aluguer social da vivenda A Pinguela, en Alfoz

AMariñaXa
vivenda, recentemente rehabilitada e completamente equipada, está dispoñible para ser ocupada como residencia habitual e permanente
Vivenda-da-Pinguela
20 Ago 2024

O Concello de Alfoz informa da apertura da convocatoria para o aluguer social da vivenda amoblada A Pinguela, destinada a proporcionar unha solución habitacional a unidades de convivencia con escasos recursos económicos. A vivenda, recentemente rehabilitada e completamente equipada, está dispoñible para ser ocupada como residencia habitual e permanente.

As obras de rehabilitación da vivenda A Pinguela finalizaron en outubro de 2021, cunha achega financeira do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Posteriormente, en xullo de 2023, o Concello asinou un convenio coa Deputación Provincial de Lugo, que permitiu financiar o amoblamento e a instalación de electrodomésticos necesarios para facer da vivenda un fogar completamente equipado e funcional.

Este programa de aluguer social está dirixido a unidades de convivencia cuxos ingresos sexan inferiores a 2,5 veces o IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples), co fin de ofrecer un alivio ás familias que afrontan dificultades económicas e precisan dun lugar digno onde vivir.

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes no Concello de Alfoz ata o 13 de setembro, onde se lles proporcionará toda a información necesaria sobre os requisitos e o proceso de selección. Con esta iniciativa, o Concello reitera o seu compromiso coa promoción do benestar social e a mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas máis vulnerables.

0.10171890258789